A Xunta adxudica a rehabilitación do Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo que mellorará o patrimonio da Ribeira Sacra

O Goberno galego inviste preto de 165.000 euros nos traballos que terán un prazo máximo de execución de tres meses e actuarán sobre humidades e filtracións

A obra enmárcase no compromiso da Administración autonómica con este territorio, que encara a recta final para ser declarado Patrimonio da Humanidade no 2021

Ourense, 5 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras de restauración e conservación do Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo por preto de 165.000 euros, unhas actuacións especialmente importantes para afondar na posta en valor do patrimonio cultural da Ribeira Sacra, que encara a recta final para ser declarada Patrimonio da Humanidade no 2021.

O proxecto, que conta cun prazo de execución de tres meses e que está cofinanciado con fondos FEDER, permitirá mellorar as condicións de conservación de elementos singulares do patrimonio cultural como este mosteiro, protexido como Ben de Interese Cultural (BIC) e que acolle, ademais, a oficina de turismo do Concello, para o que se realizaron diferentes actuacións nos últimos anos.

Na actualidade existen algúns problemas de conservación vinculados fundamentalmente á entrada de auga e convén revisar algunhas solucións construtivas que se incorporaron recentemente. Por iso, os traballos incluirán, entre outras, diferentes actuacións no acabado das escaleiras da zona porticada da oficina de turismo e tamén na súa fachada norte. Tamén se prevé actuar nas fachadas norte e leste da igrexa, afectadas pola humidade

Igualmente, actuarase sobre o adro da igrexa, revisando as drenaxes e descubrindo as zonas enterradas da fachada dando un novo tratamento axardinado. Tamén se limpará o pavimento de vexetación e se investigarán as canalizacións históricas e recuperaranse na medida do posible o recorrido natural das escorrentías, reducindo a súa entrada na igrexa.

Igrexa e biblioteca

Na zona acristalada do claustro substituiranse os vidros rotos e readaptaranse as portas de vidro existentes adoptando unha solución que permite a ventilación pola zona superior. Tamén se revisará a cuberta da igrexa, na fachada da biblioteca substituirase o revestimento, recuperarase a viga policromada do coro e faranse actuacións de restauración para a súa conservación.

Para poder realizar estes traballos, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Ourense e co Concello de Xunqueira de Espadanedo.

4,5M€ de investimento

Estas actuacións enmárcanse no compromiso do Goberno autonómico por avanzar na posta en valor do patrimonio cultural galego. Neste caso, actúase en concreto dun ben que forma parte do extenso patrimonio cultural da Ribeira Sacra. Co obxectivo de conservar este legado, a Xunta achegou nos últimos anos 4,5M€ en actuacións de mantemento e restauración. Así mesmo, neste momento están en marcha oito proxectos para a conservación e rehabilitación de inmobles como Santo Estevo de Ribas de Sil, entre outros.

Ademais, este compromiso verase reforzado nos orzamentos do vindeiro ano, nos que a Xunta de Galicia intensifica o seu compromiso co patrimonio artístico e cultural cun incremento do 19%. No caso concreto da Ribeira Sacra prevese investir no vindeiro exercicio, o ano da súa posible declaración pola Unesco, máis de 1,5M€.

Alta Idade Media

As orixes do Mosteiro da Xunqueira de Espadanedo sitúanse nun cenobio familiar da Alta Idade Media. Amparado polo veciño Mosteiro de Santa María de Montederramo pásase ao císter a finais do século XII comezando a construción da fábrica medieval entre finais do século XII e inicios do XIII. É un cenobio cisterciense formado por igrexa, mosteiro e claustro. A igrexa ten planta basilical e carece de cruceiro.

No interior destaca entre o mobiliario litúrxico, o altar de pedra de estilo románico e o retablo maior que narra a infancia de Xesús. En canto ás dependencias monásticas, concéntranse de forma compacta en torno ao patio. Pódese falar de dúas fases construtivas históricas, unha inicial de tempos medievais e da que é testemuño a igrexa e outra posterior de Idade Moderna á que se adscribe o resto do conxunto.

Imaxes relacionadas