A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Sar ao seu paso pola parroquia de Conxo, no concello de Santiago

Esta actuación de Augas de Galicia lévase a cabo nun tramo de preto de 400 metros no percorrido deste río

Os traballos céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta e atoamentos existentes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade traballa para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de limpeza e conservación no treito interurbano do río Sar, no concello de Santiago.

Os traballos que Augas de Galicia está a levar a cabo coinciden cun tramo deste río, de preto de 400 metros de lonxitude, no seu percorrido pola parroquia de Conxo.

As tarefas que se realizan céntranse na retirada de árbores mortas e madeira caída sobre a canle, así como de madeira morta e atoamentos existentes. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.

Este tipo de traballos permiten a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.

Imaxes relacionadas