A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe o inicio das obras de mellora da estrada AC-862, entre San Sadurniño e O Campo do Hospital

Ethel Vázquez anuncia que a Xunta someterá a información pública a comezos de 2021 o novo treito da VAP da Costa Norte mentres avanza na mellora das comunicacións da comarca

Vázquez Mourelle explica que se priorizará na VAP o treito de San Sadurniño, para o que xa se actualizou o proxecto construtivo e se engadiu o enlace coa AG-64

Destaca que os Orzamentos da Xunta para 2021 inclúen 5,5 M€ para mellorar as comunicacións de Ferrolterra e Ortegal, coa previsión de 65 M€ para próximos anos

Sinala que as obras en execución na AC-862, cun investimento de 7,2 M€, facilitarán a mobilidade e aumentarán a seguridade en San Sadurniño, Moeche e Cerdido

Actuarase en 18 km, rectificando as curvas de radio reducido e ampliando a calzada para pór un terceiro carril de adiantamento ao longo de 4 km

Avanza unha segunda fase, cuxo proxecto está en redacción e que se someterá a información pública a comezos de 2021, para completar a mellora integral do itinerario entre Ferrol e Ortigueira, cun investimento de 13 M€

San Sadurniño (A Coruña), 4 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anuncia que a Xunta someterá a información pública a comezos de 2021 o novo treito da vía de altas prestacións da Costa Norte mentres avanza na mellora das comunicacións da comarca.

Vázquez Mourelle explicou que se priorizará o treito de San Sadurniño. Para isto, precisou que se actualizou o proxecto construtivo no que se engadiu ademais o enlace coa AG-64 para unha conexión efectiva coa rede de alta capacidade.

Apuntou que a Xunta segue avanzando na planificación acordada para mellorar as comunicacións das comarcas de Ferrolterra e Ortegal cun conxunto de actuacións a curto e medio prazo que están en pleno desenvolvemento. Esta programación conta co respaldo dunha partida de 5,5 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta para 2021, dentro dunha previsión de gasto total de máis de 65 millóns de euros para os vindeiros anos.

Inicio da mellora da AC-862

Ethel Vázquez trasladou estes avances durante a supervisión do inicio das obras de mellora da capacidade e seguridade viaria da estrada AC-862, entre San Sadurniño e O Campo do Hospital, en Cedeira.

Destacou que esta é unha actuación ambiciosa que mellorará a mobilidade e reforzará a seguridade viaria en San Sadurniño, Moeche e Cerdido. A actuación conta cun investimento de case 7,2 millóns de euros por parte da Xunta e, segundo sinalou Ethel Vázquez, executarase ao longo de 2021 para poñela canto antes ao servizo dos veciños.

Trátase dunha actuación ao longo de 18 quilómetros, que comeza pasando o núcleo de San Sadurniño e o enlace coa autovía Ferrol-Vilalba (a AG-64) e chega ata o Campo do Hospital.

Prevese rectificar as curvas de radio máis reducido, así como ampliar a calzada para habilitar un terceiro carril de adiantamento ao longo de case 4 km nas ramplas ascendentes.

Tamén se disporán cunetas rebasables nas marxes da estrada e se mellorará o carril adicional en sentido Ferrol, ademais de encaixarse carrís lentos nos treitos nos que é viable.

Ademais melloraranse as interseccións e os xiros á esquerda e revisarase toda a sinalización vertical e horizontal.

A conselleira sumou a esta, unha segunda fase, cuxo proxecto está en redacción e se prevé someter a información pública a comezos de 2021, para completar a mellora integral do itinerario entre Ferrol e Ortigueira, cun investimento de case 13 millóns de euros.

Nesta continuación dos traballos, está prevista a rectificación de curvas, a instalación de cunetas de seguridade e a habilitación dun terceiro carril de adiantamento.

Tamén lembrou a mellora da estrada de San Sadurniño, en plena execución, e a adxudicación das obras de acondicionamento da estrada Valdoviño-Cedeira (AC-566), nas que a Xunta investirá outros 4,4 millóns de euros.

Imaxes relacionadas