O teléfono gratuíto para asesorar ás vítimas de ocupacións ilegais de vivendas empezará a funcionar o luns 7 de decembro

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá un convenio de colaboración co Consello da Avogacía Galega para que os propietarios ou usufrutuarios de inmobles afectados por este fenómeno reciban asistencia profesional sobre os trámites administrativos e xudiciais a seguir

Avogados de toda Galicia farán quendas para atender de luns a sábado todas as consultas recibidas, que se poderán facer chamando ao número gratuíto 900 121 221 ou cubrindo un formulario en liña coas súas dúbidas e preguntas

O acordo inclúe tamén a elaboración dunha guía informativa dixital, que xa está en redacción, e un informe trimestral cos detalles de todos os casos atendidos

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Consello da Avogacía Galega (CAG) formalizaron esta mañá o seu acordo de colaboración para garantir durante un ano asesoramento especializado e gratuíto a todas aquelas persoas que se vexan afectadas pola ocupación ilegal da súa vivenda. Deste xeito, a Xunta compromete unha partida de 27.000 euros para sufragar os custos do servizo mentres que o CAG achegará os profesionais necesarios para atender por quendas todas as consultas que se reciban, tanto por teléfono como vía online.

O obxectivo é ofrecer asesoramento profesional gratuíto para que as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas ocupadas ilegalmente saiban como actuar ante esta situación. A orientación será prestada por profesionais especializados e comprenderá todos aqueles aspectos referidos a trámites de carácter administrativo ou xudicial que garden relación cos dereitos e obrigas dos afectados.

Tras a sinatura do convenio, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que a atención por teléfono prestarase a través do número 900 121 221 e estará operativa xa a partir do vindeiro luns, 7 de decembro. O servizo telefónico será atendido entre semana en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados, de 10:00 a 14:00 horas.

Ademais, a conselleira lembrou que tamén se porá en marcha un servizo de atención en liña por parte do CAG, de xeito que os interesados poderán enviar as súas consultas e preguntas cubrindo un formulario web, que será contestado vía correo electrónico polo letrado de garda nun prazo máximo de 48 horas.

“Hoxe podemos dar un balón de osíxeno aos afectados por casos de ocupación ilegal de vivendas, que terán un punto de información para saber como actuar e os trámites que deben facer, sen que isto lles supoña custo algún para eles”, declarou a conselleira, que engadiu que o convenio subscrito entre o IGVS e o CAG tamén inclúe a realización doutras accións complementarias, co fin de garantir o cumprimento dos obxectivos cos que ambas partes acordaron colaborar.

Deste xeito, o Consello da Avogacía Galega encargarase de elaborar unha guía informativa –actualmente xa en redacción- na que se inclúan todos os trámites de carácter administrativo e xudicial relacionados cos dereitos e obrigas dos propietarios ou usufrutuarios de vivendas ocupadas ilegalmente. Esta guía estará lista en breve e poderá consultarse nas páxinas web do IGVS e do propio Consello.

Por último, o CAG comprométese no convenio a preparar un informe de carácter trimestral para o IGVS no que recollerán todas as consultas atendidas durante ese período, con especificación da localidade, a rúa e o número de vivendas ocupadas en cada caso.

Rolda de contactos e proposta lexislativa

Aínda que lembrou que as competencias autonómicas nesta materia son moi limitadas e lle corresponde ao Goberno central garantir a protección dos cidadáns fronte á ocupación ilegal das súas vivendas, Ángeles Vázquez insistiu en que a Xunta considera que tamén debe ofrecer o apoio necesario ás persoas propietarias e usufrutuarias que se están vendo afectadas en Galicia por esta situación.

Por iso, a Consellería de Medio Ambiente contactou co Consello da Avogacía Galega para pedirlle a súa colaboración co fin de habilitar un novo servizo de información e asesoramento dirixido ás vítimas de ocupacións ilegais de vivendas, ante o incremento de casos detectado no que vai de ano.

De feito, o acordo asinado esta mañá co CAG enmárcase dentro das actuacións impulsadas nos últimos meses polo departamento autonómico para tratar de ofrecer unha resposta axeitada a este fenómeno, de gran impacto social.

Neste sentido, cómpre lembrar que traballa na elaboración dun mapa galego de vivendas ocupadas co apoio dos axentes da propiedade inmobiliaria e dos administradores de fincas, ademais de ultimar unha proposta de reforma lexislativa avalada por expertos penalistas e da Universidade de Santiago e que será presentada en breve, co fin de trasladarlla ao Estado a continuación e instalo a que, como Administración competente na materia, garanta un novo marco xurídico eficaz, definido e duradeiro fronte ás ocupacións de vivendas.

Imaxes relacionadas