Na reunión que mantiveron hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o delegado territorial co alcalde de Arteixo e cos representantes empresarias do polígono industrial acordaron celebrar xuntanzas periódicas de seguimento das obras
A Xunta asina a acta de replanteo para a ampliación da avenida da Deputación de Arteixo e coordina co concello e cos empresarios de Sabón o inicio das obras despois do Nadal
Vázquez Mourelle precisa que durante a execución dos traballos se manterá sempre un carril útil para a circulación en cada sentido coa fin de minimizar afeccións, non afectando a plataforma completa e dando unha alternativa aos tráficos
Subliña que esta actuación, cun investimento de 5,8 millóns de euros e un prazo de execución de 20 meses, busca solucionar os problemas de fluidez do tráfico na zona e incrementar a seguridade das persoas que cada día se achegan ao polígono
O proxecto consiste no desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 en todo o trazado, entre a glorieta elevada e a da avenida da Enerxía
Para dar maior fluidez aos tráficos, acometeranse ´turboglorietas´ nas rotondas das avenidas do Embalse e da Moda e reconfigurarase a da avenida da Enerxía
A actuación tamén inclúe a humanización desta contorna coa disposición de aparcadoiros en liña, construción de beiravías e beirarrúas e colocación de sinais
A Xunta de Galicia asinou hoxe a acta de replanteo para a execución das obras de ampliación da avenida da Deputación, en Arteixo, que mellorarán o acceso ao polígono de Sabón. Os traballos, que suporán un investimento autonómico de 5,8 millóns de euros, iniciaranse despois das festas do Nadal.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde Carlos Calvelo e cos representantes empresariais do polígono industrial, coincidindo co sinatura do documento por parte da dirección da obra da Xunta e a empresa adxudicataria, Copasa.
Vázquez Mourelle explicou que este é o derradeiro paso administrativo antes do inicio efectivo desta actuación, impulsada a través do convenio de colaboración entre a Xunta, que financia e executa as obras, e o Concello de Arteixo, que pon á disposición os terreos necesarios e manterá a actuación, unha vez rematada. As obras contan cun prazo de execución de 20 meses.
No encontro mantido esta mañá no Centro Tecnolóxico de Arteixo, a titular do departamento de Infraestruturas e Mobilidade sinalou que as obras se desenvolverán en coordinación co Concello e cos empresarios do polígono industrial, coa fin de minimizar no máximo posible as afeccións ao tráfico. A este respecto, precisou que a Xunta e os empresarios acordaron manter xuntanzas periódicas de seguimento das obras e da afección ao polígono.
A conselleira trasladoulles que durante a execución dos traballos se manterá sempre un carril útil para a circulación en cada sentido coa fin de non afectar á plataforma completa e dar unha alternativa aos tráficos.
A conselleira subliñou que o obxectivo desta actuación integral é solucionar os problemas de fluidez do tráfico nesa zona para favorecer os movementos e facer máis cómodos e seguros os desprazamentos das persoas que cada día se achegan ao polígono.
O proxecto consiste no desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 carrís en todo o trazado, entre a glorieta elevada de Sabón e a da avenida da Enerxía, onde se atopa a ITV.
No primeiro treito, entre a glorieta de Sabón e a avenida do Embalse, acometerase un carril adicional en sentido Coruña, con conexión directa ao ramal de acceso ao nivel inferior da rotonda, o que mellorará os tráficos e a fluidez dos vehículos pesados. Tamén se habilitarán beiravías, beirarrúas e unha zona con aparcadoiro en liña.
No segundo tramo, entre as avenidas do Embalse e da Moda, duplicaranse os carrís por cada sentido e dotarase a zona de aparcadoiro en liña e beirarrúa e beiravías. Ademais executaranse muros de contención para salvar as afeccións coas parcelas existentes.
No terceiro treito, entre as avenidas da Moda e da Enerxía, duplicaranse os carrís con separación mediante mediana física e habilitaranse, en ambas as marxes, beirarrúas con beiravías de 1 metro de ancho.
A intervención prevé a construción de dúas ´turboglorietas´ nas interseccións coa avenida do Embalse e coa da Moda e unha glorieta de 36 metros de diámetro na da Enerxía. Estas infraestruturas permitirán cambios de circulación e xiros máis cómodos e seguros.