A Xunta entrega ao concello de Poio unha marquesiña para instalar na estrada PO-308 ao seu paso por Fonte Maior, en Raxó
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cumpre así o compromiso adquirido coa asociación veciñal A Laxe, que solicitara un refuxio para este punto
A Xunta entregou ao Concello de Poio unha marquesiña para instalar na estrada PO-308, na zona de Fonte Maior, en Raxó. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cumpre así o compromiso adquirido coa asociación veciñal A Laxe, que solicitou recentemente un refuxio para a parada de autobús situada neste punto.
A Dirección Xeral de Mobilidade xa lle comunicara o 23 de outubro ao Concello de Poio a súa disposición a subministrarlle esta marquesiña.
Unha vez que a Administración local lle remitiu á Xunta a documentación relativa á posta á disposición dos terreos necesarios e a acreditación do compromiso de asumir a titularidade das instalacións, faise entrega da infraestrutura.
Esta intervención está enmarcada no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos públicos de transporte, co que o Goberno galego disporá máis de 150 novas marquesiñas na comunidade.
No marco da mellora da estrada PO-308 ao seu paso polo municipio de Poio realizada pola Xunta, xa se teñen instalado 7 marquesiñas nas paradas de autobús para servizo dos veciños.