Medio Ambiente estudará colaborar con Cabana de Bergantiños para humanizar a contorna de seis vivendas de mestres

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta tarde co rexedor José Muíño para tratar varios asuntos de interese local en materia urbanística e de solo industrial

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, estudarán as posibilidades de establecer vías de colaboración para levar a cabo os traballos de humanización da contorna de seis antigas vivendas de mestres, rehabilitadas recentemente polo Concello co fin de destinalas a alugueiro a prezos vantaxosos entre a veciñanza.

Cómpre lembrar que ao abeiro da convocatoria 2019 das axudas para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres, outros oficios e outras vivendas de titularidade municipal, o Concello de Cabana de Bergantiños recibiu unha subvención de 180.000 euros para rehabilitar estes seis inmobles, unha actuación que xa está completamente rematada.

No transcurso dunha xuntanza por videoconferencia, o rexedor trasladoulle á conselleira o seu interese por completar esta intervención a través da execución dunha serie de traballos de humanización e mellora na contorna das vivendas rehabilitadas.

Neste sentido, Ángeles Vázquez explicoulle que existen varias vías para que o seu departamento poida colaborar nesta obra. En concreto, referiuse a que os orzamentos da Consellería para o vindeiro exercicio destinarán case 7,5 millóns de euros a levar adiante actuacións nos concellos galegos destinadas tanto a mellorar os equipamentos municipais como a acadar a humanización das contornas urbanas que se canalizarán a través do chamado Plan Hurbe e da convocatoria dunha orde específica de axudas.

Nova área industrial

Así mesmo, conselleira e rexedor tamén abordaron o futuro desenvolvemento de solo industrial na parroquia de Nantón. Cómpre lembrar que a comezos deste ano Xunta e Concello asinaron un protocolo de actuación co obxectivo de incluír na modificación prevista polo Goberno galego do Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais de Galicia (PSOAEG) a delimitación dun novo polígono que dea servizo á comarca de Bergantiños.

Neste protocolo plasmouse a vontade do IGVS e do Concello de Cabana de acadar o obxectivo común de que na revisión do PSOAEG -que se redactará o ano que vén- se tome en consideración a proposta municipal de delimitación e ordenación da Área de alta capacidade industrial, tecnolóxica e comercial de Costa da Morte.

Neste sentido, ambos mandatarios ratificaron os compromisos adquiridos no devandito protocolo e coincidiron na necesidade de impulsar o desenvolvemento de solo industrial no concello coruñés.