A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade viaria das estradas AC-234 e AC-905, ao seu paso polos concellos de Boimorto e Arzúa
Os traballos, cun investimento de 48.000 euros, teñen un prazo de execución dun mes
Reforzarase a seguridade das beiravías da AC-234 e rehabilitarase o firme nesta vía e na AC-905
O departamento de Infraestruturas continúa traballando no mantemento das estradas de titularidade autonómica coa fin de mellorar a seguridade dos usuarios
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de acondicionamento e mellora da seguridade viaria das estradas AC-234 e AC-905, ao seu paso polos concellos de Boimorto e Arzúa.
Esta actuación conta cun investimento autonómico de case 48.000 euros e terá un prazo de execución dun mes.
A intervención centrarase en mellorar a seguridade viaria das beiravías da estrada AC-234, entre os puntos quilométricos 4+000 e 10+750.
O proxecto tamén inclúe a rehabilitación do firme nesta vía e na estrada AC-905, naqueles puntos onde a capa de rodadura estea deteriorada.
As obras levaranse a cabo en terreos de dominio público da estrada, polo que non serán necesarias as expropiacións.
O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando no mantemento e na conservación das estradas de titularidade autonómica coa fin de mellorar a seguridade dos usuarios.