Román Rodríguez anuncia que preto de 200 bens quedarán protexidos coa declaración BIC de San Martiño Pinario

O conselleiro de Cultura visitou o mosteiro xunto co reitor, Carlos Álvarez, para informar do decreto que se aprobará mañá no Consello da Xunta

Inclúe o edificio e o fondo documental, os bens relacionados coa Imprenta do Seminario Conciliar Central, a botica, as coleccións científicas e a roupa litúrxica

A Consellería de Cultura reduciu de dous a un ano o prazo de tramitación BIC co obxectivo de rematar as xestións antes da celebración do Xacobeo 2021

O Goberno galego reforza o seu compromiso co patrimonio cultural incrementando un 19% a partida a este fin nos orzamentos de 2021

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe San Martiño Pinario para informar, xunto co reitor do Seminario Maior de Santiago, Carlos Álvarez, do decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, o mosteiro compostelán. Trátase dun documento que se aprobará no Consello da Xunta de mañá, xoves, e que entrará en vigor tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Durante a súa visita, o titular de Cultura do Goberno galego destacou a axilidade coa que se completou esta tramitación, un ano antes de que remate o prazo previsto pola Lei de Patrimonio Cultural. “Iniciamos o expediente en novembro de 2019 co compromiso de que estivese listo para o Xacobeo 2021 e así o fixemos”, precisou. Neste sentido, salientou que a decisión contou cun amplo respaldo e co aval de expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Consello da Cultura Galega.

Así mesmo, Román Rodríguez anunciou que, ademais de protexer o edificio, este expediente permitirá garantir a protección de preto de 200 bens que se atopan no interior do inmoble e que están asociados ás distintas etapas do monumento. Concretamente no decreto inclúense, entre outros, o fondo documental e bibliográfico, os bens relacionados coa Imprenta do Seminario Conciliar Central, incluída a maquinaria dedicada á imprenta, encadernación e librería, a botica, as coleccións que se atopan no mosteiro vinculadas ao patrimonio científico e técnico así como roupa litúrxica dos séculos XVI e XX, entre outras.

Contorna de protección

Ademais, tal e como precisou, tamén queda delimitada a contorna de protección tanto de San Martiño Pinario como doutros monumentos xa declarados nas súas proximidades: a Catedral, a igrexa de San Francisco, o Hospital Real e a súa capela, o Pazo arcebispal de Xelmírez, a Biblioteca Pública Ánxel Casal e as sedes do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que carecían del.

“Este decreto que se aprobará no Consello da Xunta, ademais de acreditar o valor sobranceiro deste mosteiro, tamén garante a protección dun dos conxuntos máis sobresaíntes de España polo seu valor cultural, histórico e artístico”, salientou o conselleiro antes de engadir que San Martiño Pinario “é a segunda construción relixiosa máis grande na súa tipoloxía, só por detrás do Escorial”.

Seis expedientes en marcha

Por outra banda, o conselleiro de Cultura e Educación explicou que a declaración deste BIC dá continuidade ao traballo realizado pola Xunta de Galicia en materia de patrimonio cultural. “Coa culminación desta tramitación, este ano declaramos Bens de Interese Cultural tres elementos do noso patrimonio: o Mosteiro de San Martiño Pinario, a Terraza de Sada e o Parque do Pasatempo de Betanzos”.

Ademais, Román Rodríguez engadiu que a Xunta de Galicia ten actualmente en marcha seis expedientes de incoación que se resolverán nos vindeiros meses coa declaración do Colexio do Cardeal de Monforte, a igrexa da Atalaia en Laxe, a Ponte Maceira, a igrexa de Santa Cruz do Incio, o funicular mineiro de Valga e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

Neste sentido, o titular de Cultura lembrou que o Goberno galego reforza o seu compromiso co patrimonio histórico, artístico e cultural de Galicia cos orzamentos presentados para o vindeiro ano nos que se contempla un incremento do 19% nos fondos destinados a conservación e rehabilitación.

Orixe vinculada ao culto do Apóstolo Santiago

As orixes do Mosteiro de San Martiño Pinario remóntanse aos primeiros anos do século X e están vinculadas ao culto do Apóstolo Santiago, destacando a custodia do Sepulcro entre os seus labores fundamentais. O primeiro elemento arquitectónico edificado no solar de Pinario foi o claustro, cunha comunidade de monxes aínda moi ligada á Igrexa de Santiago da que, paulatinamente se distanciará até chegar a conformar as novas instalacións e unha comunidade diferenciada daquela, para converterse en mosteiro bieito entre 1070 e 1080, baixo o goberno do abade Adulfo.

A partir do século XII o mosteiro viviu unha época de auxe que o levou a converterse no máis rico e poderoso de Galicia, con rendas en toda a rexión e uns ingresos cuantiosos. Logo dunha fase de decadencia económica nace o mosteiro moderno de San Martiño, xurdindo da suma das tres abadías medievais estreitamente vinculadas ao culto de Santiago: Pinario, Antealtares e San Pedro de Fóra, consolidando deste xeito unha comunidade bieita, grazas ás encomendas dos Reis Católicos para garantir a atención aos peregrinos. O mosteiro bieito de San Martiño Pinario é un dos centros monásticos máis importantes das comarcas centrais galegas, referente na súa organización social, espiritual, económica, política e cultural ao longo da súa historia, e centro dunha profusa actividade vinculada ao coñecemento que continúa nos nosos días, en especial polo seu labor como Seminario e centro docente.

Imaxes relacionadas