Lete Lasa destaca á dieta como a mellor aliada da actividade física na consecución do benestar persoal e social

Na presentación do libro ‘Bases científicas da Dieta Atlántica’ publicado pola Fundación Dieta Atlántica da USC

Santiago, 1 de decembro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do libro ‘Bases científicas da Dieta Atlántica’, un volume de 270 páxinas promovido e dirixido pola Fundación Dieta Atlántica da USC, coa colaboración de Vegalsa-Eroski e a Sociedade Española de Obesidade (SEO-SEEDO) que recolle os alicerces conceptuais e científicos da Dieta Atlántica a través de 18 capítulos elaborados por autores internacionais.

Lete Lasa destacou a dieta como “a mellor aliada da actividade física na consecución do benestar persoal e social” e lembrou as palabras de Hipócrates quen xa dicía hai 22 séculos que “o teu alimento sexa a túa medicina e a túa medicina sexa o teu alimento, unha afirmación que hoxe segue plenamente vixente”.

Do mesmo xeito lembrou o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable que nace en 2009 para facer fronte ao aumento das mortes, enfermidades e discapacidades provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física. O programa foi liderado pola Xunta en colaboración coas universidades galegas e os doutores Felipe Casanueva e Rosaura Leis.

O secretario xeral felicitou á Fundación por este libro que identificou como un fito importante na concreción das bases científicas da dieta atlántica da que xa foi un pioneiro o profesor Tojo Sierra. Do mesmo xeito agradeceu a colaboración de Vegalsa-Eroski e salientou a importancia da iniciativa privada.

A Dieta Atlántica comprende un conxunto de hábitos alimentarios e estilo de vida que une os territorios de Galicia e o Norte de Portugal e cuxas claves se basean no abundante consumo de peixes, lácteos e produtos de frescos, técnicas culinarias sinxelas e a mellor forma de conxuntar unha comida pracenteira en compañía de familia e amigos.

Imaxes relacionadas