A Xunta aposta por adaptar os proxectos da cooperación para o desenvolvemento de Galicia á realidade da covid-19

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe con representantes da Coordinadora Galega de ONGD

O Goberno galego renovará o convenio coa organización, dotado con 100.000 euros, e mantén o compromiso acadado de garantir un incremento anual no Plan de Cooperación Galega igual ou superior ao 11,4%

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, abordou hoxe con representantes da Coordinadora Galega de ONGD as actuacións previstas no marco do Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021 e que terá en conta as adaptacións necesarias á realidade actual en base á Estratexia Galega de resposta á covid-19. Deste xeito, farase unha diagnose sobre os proxectos en marcha co obxectivo de adecuar os mecanismos de financiamento da Cooperación Galega ás prioridades da situación actual.

Un ano máis, o Goberno galego cumpre de novo co compromiso acadado coa Coordinadora Galega de ONGD de garantir un incremento do orzamento destinado a cooperación para o desenvolvemento anual igual ou superior ao 11,4% respecto ao do ano anterior, o que permitirá elaborar un Plan Anual da Cooperación Galega para o 2021 cunha dotación de 7,4 millóns de euros, o que supón un 12% máis que o do actual exercicio.

No marco deste Plan, a Xunta renovará a súa colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, que agrupa a 47 organizacións, cun convenio ao que a Administración autonómica achegará 100.000 euros para fortalecer o sector e apoiar actividades de formación e sensibilización.

Ademais, o aumento no investimento no Plan Anual permitirá incrementar a dotación das tradicionais convocatorias públicas de subvencións que se publicarán ao longo do ano que vén dirixidas ás ONGD e aos demais axentes de cooperación, e ás que se destinarán máis dun 80% do orzamento operativo do programa de cooperación para o desenvolvemento.

No encontro de hoxe, o vicepresidente primeiro da Xunta tamén lles presentou aos representantes da Coordinadora Galega de ONGD o proxecto de Lei reguladora da Acción Exterior e Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia que xa iniciou a súa tramitación parlamentaria e coa que o Goberno galego pretende reforzar a proxección exterior da comunidade.

Nesta liña, a norma consolida a cooperación para o desenvolvemento como ámbito principal da actividade exterior da comunidade galega establece especificidades para as subvencións de cooperación no exterior para garantir a súa xestión e eficiencia.

Imaxes relacionadas