A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe as actuacións executadas nesta estrada autonómica acompañada da delegada da Xunta en Pontevedra

Ethel Vázquez salienta o investimento de 2 M€ na mellora da PO-235 no concello da Lama, tras rematar as obras de reforzo da seguridade viaria en 5 km da estrada entre Antas e Seixido

Vázquez Mourelle concreta que esta segunda fase do acondicionamento da vía consistiu na ampliación da calzada, pasando dos 5 metros aos 6,5 de ancho, e das beiravías

Sinala que tamén se rectificaron 12 curvas con menor radio, se perfilaron os noiros e se estendeu unha nova capa de rodadura en todo o treito

Lembra que estas obras se suman ás executadas en 2018 nunha 1ª fase, na que se ampliou o pontón sobre un regueiro existente e mellorou o treito próximo a Seixido

Avanza que está en redacción o proxecto para unha 3ª fase coa fin de completar o acondicionamento da estrada ata o final do termo municipal da Lama

A Lama (Pontevedra), 1 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o investimento de 2 millóns de euros na mellora da PO-235 no concello da Lama, onde se vén de rematar unha nova actuación de reforzo de seguridade viaria en 5 km da estrada entre Antas e Seixido.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e do alcalde, Jorge Canda, supervisou o remate desta segunda fase dos traballos de acondicionamento da vía, desde a travesía de Antas ata o núcleo de Seixido.

Sinalou que se trata dunha nova intervención acometida polo Goberno galego nesta vía autonómica coa fin de ampliar e mellorar a seguridade viaria e a comodidade na circulación.

As obras, que están case finalizadas, a falta de pequenos remates de sinalización ou colocación de captafaros, consistiron na ampliación da calzada, pasando dos 5 metros aos 6,5 de ancho, con 2 carrís de 3 metros, ademais das beiravías.

Tamén se rectificaron 12 curvas con menor radio, se perfilaron os noiros, se executaron cunetas transitables nos treitos onde foi necesario e se estendeu unha nova capa de rodadura en todo o treito.

Estes traballos iniciados en marzo, cunha achega autonómica de 1,5 millóns de euros, súmanse aos executadas en 2018 nunha primeira fase na que se ampliou o pontón sobre un regueiro existente e se actuou no treito máis próximo ao núcleo de Seixido.

A conselleira avanzou que xa está en redacción o proxecto para unha 3ª fase da actuación, o que permitirá completar o acondicionamento da estrada ata o final do termo municipal da Lama.

Fixo fincapé na aposta da Xunta pola seguridade viaria, tal como reflicten os Orzamentos para o vindeiro ano en materia de infraestruturas.

Neste sentido, destacou que as contas autonómicas recollen unha partida para o acondicionamento de distintas estradas autonómicas na provincia de Pontevedra.

Imaxes relacionadas