O Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que se declara a primeira Área de Rehabilitación Integral de Guitiriz, a ARI de O Buriz e Os Vilares

Esta nova ARI abarca unha superficie de máis de 65 km2, comprende seis núcleos rurais onde están inventariadas unhas 234 construcións, das cales un 40% son vivendas e, dentro delas, un 80% son de tipoloxía tradicional

Tamén destacan elementos singulares como as Escolas Habaneras en Buriz e Os Vilares, ademais da Escola Rural de Drada, así como a casa natal do poeta Díaz Castro en Vilariño dos Cregos

A xestión da ARI é competencia do concello quen deberá solicitar participar nos fondos da liña de axudas, asinar un convenio coa Xunta e o Ministerio e convocar as subvencións, co fin de que os incentivos cheguen aos veciños

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se declara a Área de Rehabilitación Integral de O Buriz e Os Vilares no Concello de Guitiriz, a primeira que se declara neste concello da provincia lucense.

Este ámbito abarca unha superficie de 65,48 km2 e comprende seis núcleos rurais, onde existen 234 construcións (vivendas e edificacións auxiliares), das cales un 40% (93) son vivendas, e un 80% (74) das mesmas son de tipoloxía tradicional. Do total de vivendas vivendas existentes (93), 19 están abandonadas e 14 só contan con ocupación temporal ao longo do ano; mentres que máis dun 60% das vivendas están ocupadas de forma permanente.

Así, os núcleos de poboación incluídos dentro da ARI contan con construcións de arquitectura tradicional de gran valor, manteñen o trazado tradicional dos seus rueiros e corredoiras, polo que a paisaxe cultural está xerada polo sistema agrario tradicional, que se manifesta nas construcións adxectivas e peches realizados coa técnica de “pedra seca” recoñecida como Patrimonio Cultural inmaterial da Humanidade pola UNESCO.

Outro elemento singular é a presencia de Escolas Habaneras en Buriz e Os Vilares, ademais da Escola Rural de Drada; así como a casa natal do poeta Díaz Castro (ao que se lle dedicaron o Día das Letras galegas no ano 2014), situada en Vilariño dos Cregos. Este último núcleo é o que articula todos demais núcleos incluídos na ARI, reforzada polo desenvolvemento da Ruta da Pedra de Díaz Castro.

Grazas á declaración desta Área de Rehabilitación Integral, o concello e os veciños poderán acceder á liña de incentivos que se reserven para a anualidade de 2021 do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan 2018–2021.

Así, os veciños desta área poderán acceder a subvencións para executar obras de rehabilitación en edificios e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares; tamén se poderán executar melloras da eficiencia enerxética e sostibilidade nas vivendas e de fomento da conservación, mellora da seguridade de utilización e de accesibilidade en vivendas.

Mentres que o Concello de Guitiriz poderá acceder a ditos fondos públicos para levar a cabo obras de urbanización e reurbanización de espazos públicos e os gastos de mantemento de equipos técnicos e oficinas de información e xestión municipais.

Coa declaración desta primeira ARI en Guitiriz, en Galicia existen 70 áreas de rehabilitación declaradas en 42 concellos, ás que se suman as tres ARI supramunicipais -xestionadas directamente polo IGVS- como son a ARI dos Camiños de Santiago, a ARI das Illas Atlánticas e a ARI da Ribeira Sacra.

En total hai en Galicia 158 concellos nos que hai polo menos un ARI no seu territorio, é dicir, hai ARI declaradas no territorio de máis do 50% dos concellos de Galicia, o que posibilita que os habitantes deses ámbitos podan acceder a axudas para a rehabilitación dos seus edificios e vivendas.

Por último, desde o Goberno galego destácase que coa declaración destas ARI estase a facilitar oportunidades aos cidadáns para mellorar a calidade das súas vivendas, ponse a disposición dos concellos fondos para a execución de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI e, grazas ao compromiso de todos, se avanza na recuperación e conservación do patrimonio edificatorio dos concellos de Galicia.