O Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia suma máis de 3 millóns de euros para 209 equipos entre as súas dúas fases

Soben os equipos totais beneficiados (9% máis) e os femininos (11% máis) con respecto ao Plan de 2019

Santiago, 30 de novembro de 2020-

A Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar a resolución definitiva da segunda fase do undécimo Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia relativo ao exercicio de 2020. Esta segunda fase do plan vai dirixida ás entidades galegas que contan con equipos que competiron en modalidades ou especialidades deportivas de máximo nivel estatal en categoría absoluta ou sénior ou previa á absoluta onde as xornadas da súa competición se desenvolveron integramente no ano 2020. A contía destinada para esta segunda fase do plan alcanza os 931.700 euros grazas á colaboración da Xunta de Galicia e ABANCA, patrocinador oficial do plan. Cómpre salientar que, nesta segunda fase, o orzamento do Goberno galego vén incrementado por unha achega da Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade para desenvolver medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

En total, ao abeiro desta segunda fase, foron beneficiados un total de 115 equipos, sendo 48 femininos, 65 masculinos e 2 mixtos. Estes 115 equipos súmanse aos 94 da primeira fase que se ocupou dos equipos que competiron en xornadas de 2019 e 2020 e aos que se destinou un orzamento de 2.069.100 euros. Cómpre destacar a predominancia feminina da primeira fase do plan, xa que 50 dos 94 conxuntos beneficiados contan con presenza feminina nos seus equipos.

Toda vez resolta a segunda fase do undécimo Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia, os equipos beneficiados ascenden a un global de 209 -94 femininos, 109 masculinos e 6 mixtos- cun orzamento total de máis de 3 millóns de euros (3.000.800 euros). Ademais, os equipos beneficiados representan 27 modalidades e 37 especialidades deportivas.

Grazas á consolidación deste plan e a implicación e compromiso das entidades patrocinadas que cumpren estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación, para este ano 2020, unha vez máis, todos os equipos obxecto deste patrocinio serán o escaparate perfecto para demostrar que o Deporte Galego é un soporte publicitario de gran valor para exportar polo mundo a imaxe do noso tecido empresarial galego.

Plan de patrocinio 2019

En 2019 o Plan de Patrocinio Publicitario beneficiou a un total de 191 equipos en toda Galicia sendo 100 equipos masculinos, 85 femininos e 6 mixtos. Tanto o orzamento total do plan, o número de equipos subvencionados e o número de equipos femininos están a experimentar un incremento constante desde a primeira edición do plan, na tempada 2009-2010.

Imaxes relacionadas