A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación da información pública do proxecto de acceso ao parque empresarial de Beariz, que suporá un investimento autonómico de máis de 380.000 euros

A actuación ten por obxectivo darlle operatividade ao futuro polígono de Lebozán

Executarase unha intersección que permite todos os movementos con cuñas de aceleración e deceleración, así como un carril central de espera para os xiros desde a estrada autonómica cara ao futuro parque empresarial

O deseño adáptase ás particularidades da contorna aproveitando as estruturas existentes sobre un regato afluente do Rego de Ponte da Pedra
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública do proxecto de construción do acceso ao parque empresarial de Lebozán, en Beariz, desde a estrada OU-212.

Esta actuación ten por obxectivo darlle operatividade ao futuro parque empresarial de Lebozán e dispón dun orzamento autonómico superior aos 380.000 euros.

Esta conexión vén concretar a proposta contemplada no Plan Especial de creación de Solo Industrial neste concello ourensán, desenvolvendo a solución prevista no informe de Sustentabilidade Ambiental do citado plan especial.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/pj18u

O proxecto prevé a implantación dun novo acceso á estrada OU-212 entre os puntos quilométricos 1+542 e 1+771 na súa marxe esquerda.

A solución desenvolvida polo departamento de Infraestruturas da Xunta é a resultante da realización previa dunha análise de 6 alternativas desde o punto de vista da súa xeometría, funcionalidade e seguridade viaria.

Para iso, proxéctase unha intersección que permite todos os movementos con cuñas de aceleración e deceleración de 30 metros de lonxitude, así como un carril central de espera para os xiros desde a estrada OU-212 cara ao futuro parque empresarial.

O deseño adáptase ás particularidades da contorna aproveitando as estruturas existentes sobre un regato afluente do Rego de Ponte da Pedra e respectando os parámetros indicados na normativa.

No proxecto prevese unha canalización baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación viaria do parque empresarial.