A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do proxecto de ensanche e mellora da rúa Fisterra, na cidade de Lugo, coa fin de facilitar a mobilidade na contorna

Esta actuación dispón dun investimento de máis de 76.000 euros e un prazo de execución de 3 meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade Xunta procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no primeiro trimestre de 2021

O obxectivo é a eliminación do tapón urbanístico desta rúa coincidente coa estrada LU-114, mediante o seu acondicionamento no entorno do punto quilométrico 1+100

Demoleranse as edificacións e as instalacións existentes e construirase un muro para a contención de terras

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de construción para a mellora e ensanche da rúa Fisterra, coincidente coa estrada LU-114, en Lugo, coa fin de facilitar a mobilidade nesta contorna.

O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto.

O Goberno galego achegará un investimento de máis de 76.000 euros, incluídas as expropiacións, para acometer estas actuacións que reforzarán a seguridade viaria na área.

O departamento de Infraestruturas da Xunta procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no primeiro trimestre de 2021. As obras contan cun prazo de execución de 3 meses.

O obxecto da actuación é a eliminación do tapón urbanístico desta rúa lucense mediante o seu ensanche e mellora no entorno do punto quilométrico 1+100.

Actualmente existe neste punto unha finca con varias edificacións que impide homoxeneizar o ancho ao do resto do vial. Para completar a sección transversal é necesaria a execución dunha banda de aparcamento de 2,5 metros de ancho e da beirarrúa de 1,75 metros.

Para isto, é preciso demoler as edificacións e as instalacións existentes, así como o muro de contención.

Construirase un muro para a contención de terras cunha altura máxima de 2 metros e un novo peche para a parte da citada finca.

Como actuación complementaria, reporase o servizo de abastecemento, así como a rede eléctrica e de telefonía.