Política Social premia o talento das mozas e mozos que participaron na categoría de videocreación de Xuventude Crea

O primeiro premio foi para Carlota Álvarez, do Porriño, pola obra ‘Zafirada’; o segundo, para ‘Raíces’ de Luis Xavier do Rego, de Santiago; e o terceiro compárteno os coruñeses Hugo Vales con ‘O fin dos nosos días’ e Andrés Sanjurjo con ‘Sen título’.

Ademais, hai unha mención de honra para ‘Aves migratorias’, da cambadesa Ariadna Cordal

Con esta modalidade de Videocreación rematan as fases finais do Xuventude Crea, que tamén premia as mellores creacións noutras 13 disciplinas
 

Santiago de Compostela, 29 de novembro 2020

A Consellería de Política Social premiou o talento das mozas e mozos que participaron no programa Xuventude Crea, na súa modalidade de Videocreación. Os gañadores foron Carlota Álvarez, do Porriño, pola súa obra Zafirada; Luis Xavier do Rego, de Santiago, pola obra Raíces, e o terceiro premio compárteno os coruñeses Hugo Vales con O fin dos nosos días e Andrés Sanjurjo con Sen título. Ademais, faise unha mención de honra á obra Aves migratorias de Ariadna Cordal, procedente de Cambados.

A directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, participou onte na final desta especialidade, que tivo lugar no Centro Galego de Artes da Imaxe, na cidade da Coruña. Alí destacou a implicación e o enxeño dos participantes que cada ano achegan obras de gran calidade e que demostran a creatividade da xuventude galega.

Catorce categorías

Con esta modalidade de Videocreación rematan as fases finais do Xuventude Crea. Ademais desta categoría, o certame premia as mellores creacións noutras 13 disciplinas: Fotografía, Artes Plásticas, Teatro, Cociña, Creación de videoxogos, Danza moderna, Deseño de xoias, Graffiti, Moda, Música, Poesía, Novela Curta e Banda Deseñada.

Os premios para cada especialidade son de 3000 euros o primeiro premio, 1500 euros o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

A edición deste ano do Xuventude Crea acadou un récord de participación, con preto de 500 mozas e mozos que presentaron as súas candidaturas, fronte ás 382 do ano anterior.

Imaxes relacionadas