A Xunta renovou a sinalización horizontal nos 800 metros da travesía de Navia de Suarna na estrada LU-722

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que esta actuación enlaza co tramo recentemente reformado de máis de catro quilómetros á saída da capitalidade municipal

Navia de Suarna (Lugo), 28 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a sinalización horizontal nos 800 metros de lonxitude da travesía de Navia de Suarna, que forma parte da estrada autonómica LU-722.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado desta actuación acompañado polo alcalde, José Fernández, entre outros, e explicou que dá continuidade ás obras de mellora recentemente executadas na estrada. Nos últimos meses, a Consellería investiu 263.000 euros no reforzo do firme de 4,6 quilómetros, comprendidos entre a saída da capitalidade municipal e o final da estrada autonómica.

Nesta ocasión, acométese a adecuación do tramo urbano con cargo ao contrato de conservación integral; en concreto, mellorouse a sinalización horizontal, co repintado tanto dos pasos de peóns como do conxunto de marcas viarias.

Arias sinalou que esta é unha das accións “que achega maior seguridade nas estradas, e moi especialmente nos núcleos de poboación, onde coinciden a circulación de peóns e a de vehículos”.

Imaxes relacionadas