As XVI Xornadas de Normalización Lingüística céntranse nos recursos virtuais para a aula

Organizadas por Escolas Católicas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, están dirixidas a profesorado de centros públicos e privados

Valentín García inaugurou esta tarde as xornadas, que este ano se celebraron a través de internet por mor da pandemia

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a secretaria autonómica de Escolas Católicas, Juana Otero, inauguraron esta tarde as XVI Xornadas de Normalización Lingüística, un evento formativo dirixido a equipos de dinamización da lingua galega e, en xeral, profesorado, tanto de centros públicos coma concertados e privados.

Valentín García explicou que os recursos e ferramentas presentados hoxe “terán unha dobre función: favorecer que os equipos de dinamización e o resto do profesorado poidan seguir facendo o seu labor educativo en galego mesmo cando o alumnado ten que gardar corentena e aumentar o uso do galego na rede e coas novas tecnoloxías, o que xa en si mesmo é unha ensinanza para o estudantado, que pode comprobar que a nosa é unha lingua moderna que vale para desenvolverse no século XXI e cos medios do século XXI”.

As XVI Xornadas de Normalización Lingüística están organizadas por Escolas Católicas en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Dadas as especiais circunstancias deste ano de pandemia, celébranse por primeira vez en liña e están dedicadas, fundamentalmente, a abordar os contidos, ferramentas e recursos virtuais que permiten a continuidade da actividade educativa a distancia. Fano a través dun relatorio e de tres experiencias de centros. O relatorio, titulado O Museo Pedagóxico de Galicia achégase ás aulas: ferramentas e recursos, corre a cargo de Beatriz Seco e María Pais, directora e responsable de didáctica do MUPEGA, respectivamente. A continuación presentaranse as experiencias O xeróglifo como recurso para dinamizar as aulas de lingua, de Carlos L. Medrano (CPR Plurilingüe Fogar Santa Margarida, A Coruña); Pan comido. Xogando en galego, de Anxo Gómez (IES de Carral), e Gamificando co galego, de Ginés Vázquez e David Méndez (CPR Plurilingüe Padres Franciscanos de Lugo).

As xornadas pecharanse coa entrega dos Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas -este ano, tamén virtuais- de fomento do galego. Os galardóns de 2020, que contan co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Editorial Santillana, recaeron nos equipos de dinamización da lingua galega do CPR Plurilingüe Esclavas Sagrado Corazón de Jesús da Coruña e do CPR Plurilingüe Divino Maestro de Santiago de Compostela. O primeiro dos centros foi premiado polas actividades A Semana de Galicia, Presentación das Letras Galegas, Vocabulario Galego e Xogo: A Granxa, mentres que o segundo foi recoñecido polas propostas Escribimos poemas, Recuperamos os Maios e Realizamos un proxecto kamishibai.

Imaxes relacionadas