A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe a exposición coas creacións finalistas nestas categorías do certame

A Xunta promociona novos talentos no ámbito da moda e do deseño de xoias a través do programa Xuventude Crea

En Moda o primeiro premio foi para Ana María Vázquez Fernández, de Cambre, coa obra ‘Hand(some)’

No apartado de Deseño de xoias o primeiro premio foi para a ribeirense Sofía Rivas Souto pola súa proposta ‘Xénese’

A exposición das obras finalistas estará aberta ao público na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o vindeiro día 8 de decembro
 

Santiago de Compostela, 26 de novembro 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe á mostra das obras finalistas nas especialidades de Moda e Deseño de xoias do programa Xuventude Crea 2020, que se poderá visitar na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o día 8 do vindeiro mes de decembro. No acto déronse a coñecer as propostas gañadoras nestas dúas modalidades do certame, que ten como finalidade promocionar o talento, a creatividade e a innovación da xente nova de Galicia.

Nesta edición de 2020, presentáronse un total de 24 creacións na categoría de Moda —fronte as 10 do ano anterior— e 11 obras na de Deseño de xoias, o que supón a participación de 16 mozos e 19 mozas. De todos os proxectos presentados, seleccionáronse para esta fase final oito participantes no primeiro dos apartados e seis no segundo.

Na especialidade de Moda, o primeiro premio foi para Ana María Vázquez Fernández (Cambre) coa proposta Hand(some); o segundo recaeu en Catalina Estévez Reguera (Baiona) con Help; e a terceira posición compartírona Brais Albor Rodríguez (Santiago) coa obra Colección solo e Ángel López Pérez (Marín) con Notas de Ozu a Yamamoto.

Os mellores deseños de xoias

Pola súa banda, na categoría de Deseño de xoias os premiados foron: Sofía Rivas Souto (Ribeira), gañadora do certame coa creación Xénese; o segundo premio foi para Marcos López Rodríguez (O Grove), coa obra Expedición al Mare Nostrum; e en terceiro lugar quedou Onécimo Betances Gómez (Vigo), con Al rescate marino. Tamén se concedeu unha mención de honra a Adrián Abal Martínez (Barro), con Árbores mariñas.


Os premios para cada especialidade son de 3000 euros o primeiro premio, 1500 euros o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

Catorce especialidades

O programa Xuventude Crea vai dirixido a mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30. Ademais das especialidades de Moda e Deseño de xoias, inclúe as categorías de Cociña, Teatro, Música, Novela curta, Poesía, Videocreación, Banda deseñada, Graffiti, Creación de videoxogos, Danza moderna, Fotografía e Artes plásticas —esta última comprende as modalidades de pintura e escultura—.

A edición deste ano do Xuventude Crea acadou un récord de participación, con preto de 500 mozas e mozos que presentaron as súas candidaturas, fronte as 382 do ano anterior.

Imaxes relacionadas