O sector extractivo galego conta cunha Guía de boas prácticas que equilibrará o aproveitamento mineiro e a conservación da paisaxe

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou esta mañá o noveno título da Colección da Paisaxe Galega, que nos próximos días estará accesible de xeito gratuíto na web da Consellería

Trátase dun valioso manual técnico sobre esta actividade, que recolle recomendacións e pautas a seguir para todas as fases dun proxecto de explotación extractiva

Recoméndase que os viarios e aparcadoiro se dispoñan en lugares que minimicen os movementos de terras, racionalizar o emprego de iluminación exterior, agrupar instalacións e dispoñelas de xeito que -xunto con plantacións- oculten a zona das canteiras

Empregar especies autóctonas para a definición de barreiras vexetais que oculten ocos e suavizar as formas das entulleiras ou escombreiras, de xeito que semellen montes ou lombas naturais

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020

O sector das industrias extractivas conta cunha Guía de boas prácticas para a integración paisaxística para acadar o equilibrio necesario entre a actividade mineira e a protección da paisaxe. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá este documento que pretende ser unha ferramenta de consulta permanente para o sector extractivo e que presenta criterios e recomendacións para a integración na contorna na que se localizan este tipo de instalacións e para todas as súas fases.

A guía contén unhas medidas de carácter xeral, relativas a aspectos comúns a todo tipo de explotacións e de recursos, como poden ser os criterios para o acondicionamento do viario de servizo, a elección de especies vexetais ou o deseño das instalacións.

Así, detallou que os viarios e aparcadoiros de servizo deben dispoñerse en lugares nos que se minimicen os movementos de terras e que non incidan sobre cursos de auga ou vexetación de interese; proponse racionalizar o emprego da iluminación exterior para baixar consumo e evitar contaminación luminosa; as naves, depósitos ou cintas transportadoras instalaranse en lugares pouco visibles dende o exterior e as construcións adaptaranse á arquitectura da zona en canto a materiais e cores, incluso agrupalas e dispoñelas, xunto con plantacións para que oculten a zona das canteiras.

Explicou que outras recomendacións son empregar a minería de transferencia, é dicir, ir enchendo ocos a medida que se abren os novos; localizar os ocos de extracción en sitios pouco visibles desde a contorna, como en ladeiras pouco visibles, incluso atender á visibilidade dos mesmos dende os miradoiros, incluso suavizar as formas das entulleiras ou escombreiras para que semellen montes ou lombas naturais.

A conselleira destacou que a Guía tamén recolle unha recompilación de solucións xa empregadas en explotacións mineiras e extractivas, fundamentalmente a nivel autonómico, a modo de exemplos que teñan acadado mellores resultados no que se refire á integración paisaxística, ben sexa no conxunto do proceso, ben en algunhas das súas fases.

Vázquez Mejuto recordou que esta guía, que estará dispoñible de xeito gratuíto na web da Consellería, é a novena das dez que conforman parte da Colección da Paisaxe Galega e foi elaborada en base a un convenio entre as consellería de Medio Ambiente e Economía, a Universidade de Vigo e a Cámara Oficial da Minería de Galicia. Trátase dun valioso manual técnico nesta temática, que arroxa luz e propón criterios que fagan compatible o aproveitamento dos recursos mineiros coa protección dos valores paisaxísticos do medio e do territorio.

Por último, a conselleira destacou que esta guía pasa a enriquecer a Colección da Paisaxe Galega, un conxunto de publicacións que se enmarcan dentro da estratexia da política transversal que está a desenvolver a Xunta de Galicia para poñer en valor, protexer e recuperar a paisaxe galega.

Imaxes relacionadas