Conde subliña que o novo dron mariño de industrias Ferri encaixa na aposta da Xunta por orientar a aeronáutica cara á mellora dos servizos públicos

O vicepresidente económico, Francisco Conde, participou esta tarde na botadura desta embarcación destinada ao control da calidade das augas grazas a que incorpora un laboratorio portátil a bordo

O proxecto, apoiado con máis de 600.000 euros pola Xunta, forma parte do programa Conecta Peme
 

Vigo, 23 de novembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou esta tarde en Vigo, na botadura do dron mariño de Industrias Ferri, que esta embarcación encaixa na aposta que a Xunta de Galicia está facendo por impulsar o sector aeronáutico e orientalo cara a mellora dos servizos públicos.

De feito, esta nova embarcación destinarase ao control da calidade das augas grazas a que incorpora a bordo un laboratorio portátil para facer unha toma de mostras automatizada en diferentes puntos e despois analizalas. A Xunta apoiou este proxecto dentro do programa Conecta Peme 2018 -que tamén contou coa participación de Imatia Innovation- cunha achega de máis de 600.000 euros para un investimento total de 1M€.

Conde destacou a traxectoria de Industrias Ferri que leva máis de 65 anos traballando na fabricación de equipos de cubertas para todo tipo de buques e agradeceu o seu esforzo por diversificar e tamén por innovar. Neste sentido, Industrias Ferri é unha das empresas que está traballando no Polo Aeroespacial de Galicia en colaboración con outras dúas pemes (Cartogalicia e Imatia Innovation) para deseñar un sistema que permita mellorar a seguridade marítima e a flota pesqueira.

O vicepresidente económico rematou sinalando que o Polo Aeroespacial de Galicia opta aos fondos europeos de reconstrución xa que o traballo que se está realizando supón unha grande oportunidade para potenciar o esforzo que se está a facer no eido dos vehículos aéreos non tripulados por parte das máis de 50 pemes e centros de coñecemento galegos que están implicados. O obxectivo é transformar a industria da Comunidade e facela máis sustentable, dixital e innovadora.
 

Imaxes relacionadas