A Xunta publica no DOG a encomenda á empresa pública Tragsa das obras de mellora da accesibilidade no coto de Xallas-Beba, no concello de Mazaricos
As obras executaranse nas parroquias de Colúns e Corzón, suporán un investimento da Xunta de case 100.000 euros e terán un prazo de execución de 1,5 meses
As obras consistirán na renovación de catro pasos de pescadores e a creación de dúas plataformas de pesca en Colúns, que permitan a práctica da actividade deportiva a persoas con mobilidade reducida
A Xunta, unha vez executadas as obras, poñeraas á disposición do municipio, que asumirá as tarefas de conservación e mantemento
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a encomenda á Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P, Tragsa, das obras de mellora da accesibilidade no coto de Xallas-Beba, nas parroquias de Colúns e Corzón, no concello de Mazaricos.
As obras suporán un investimento autonómico de case 100.000 euros e contan cun prazo de execución de 1,5 meses.
Os traballos consistirán na renovación de catro pasos de pescadores e a creación de dúas plataformas de pesca en Colúns, que permitan a práctica da actividade deportiva a persoas con mobilidade reducida.
Substituiranse os pasos existentes por outros novos de madeira de piñeiro na marxe esquerda do río Xallas.
Toda a madeira estará tratada e protexida da luz solar e as varandas tamén serán de piñeiro e estarán elevadas un metro sobre a tarima do paso peonil. O pavimento dos pasos será tratado con resina sobre a que se engadirá area de cuarzo.
O proxecto tamén contempla actuacións para facilitar a pesca a persoas con mobilidade reducida, instalando dúas plataformas na marxe esquerda do río Beba. Ademais, esta zona disporá de bolardos colocados á entrada de cada plataforma para impedir o paso de vehículos.
No que se refire ás obrigas, o Executivo autonómico, unha vez executadas as obras, poñeraas á disposición do Concello de Mazaricos, que asumirá a responsabilidade das tarefas de conservación e mantemento.