A Xunta avoga na asemblea de Asime pola colaboración público-privada para promover a recuperación da economía galega

O vicepresidente económico, Francisco Conde, apela en Vigo ao diálogo entre a Administración e os axentes económicos e anuncia que nos orzamentos de 2021 o Igape multiplica por tres os fondos asignados a instrumentos de financiamento

O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación pon de manifesto o compromiso do Goberno galego de dar unha resposta áxil a través da futura Lei de reactivación, poñéndolle o camiño máis fácil ao tecido industrial e aos emprendedores

Sinala que a candidatura galega para os fondos europeos Next Generation conta con proxectos do sector da automoción e o aeronáutico, e ofrécese ao naval para identificar novas oportunidades neste ámbito
 

Vigo, 23 de novembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avogou hoxe durante a súa participación en Vigo na asemblea da Asociación de Industrias Metalúrxicas de Galicia (Asime) pola colaboración público-privada para promover a recuperación da economía galega, apelando ao diálogo entre a Administración e os axentes económicos.

O vicepresidente económico, que lembrou que o sector metalúrxico representa o 20% do PIB galego, agradeceu o esforzo de empresas e traballadores para reactivarse en plena pandemia, apostando pola seguridade. Sinalou que desde a Xunta se está actuando con urxencia para paliar os efectos da covid-19, lembrando que comeza a haber datos positivos en eidos como as exportacións, que medran no mes de setembro un 21,5% máis que no mesmo mes do ano anterior, en boa medida grazas a sectores como a automoción ou o naval.

Neste sentido, o responsable de Economía, Empresa e Innovación apuntou que se deben potenciar os puntos fortes dos sectores estratéxicos da economía galega que están, segundo sinalou, na innovación e a internacionalización, que se verán impulsadas cos fondos europeos de recuperación Next Generation. Así, a candidatura galega que presentou a Xunta ao Goberno conta con 108 proxectos que poderían mobilizar máis de 9.400 millóns de euros.

Conde puxo de relevo o papel que nestas iniciativas, elaboradas desde a cooperación entre a Administración e o tecido produtivo, xogan a automoción, co proxecto AutoAncoara, que prevé mobilizar 1.300 millóns de euros e que conta entre os seus socios co centro tecnolóxico CTAG, o clúster Ceaga e o grupo PSA; o aeronáutico, a través do Polo Aeroespacial de Galicia; e o naval. Neste último eido, sinalou que a Xunta se pon a disposición desta industria para concretar unha axenda común para que o sector poida optar aos fondos comunitarios, e reclamar conxuntamente igualdade de criterios na distribución das axudas que xa se están a conceder a estaleiros europeos.

O vicepresidente económico puxo así mesmo de manifesto na súa intervención na asemblea de Asime o compromiso do Goberno galego de dar unha resposta áxil como Administración e ofrecer a máxima seguridade xurídica a través da futura Lei de reactivación económica, co obxectivo de poñerlle o camiño máis fácil ao tecido industrial e aos emprendedores nos seus proxectos de futuro. Neste ámbito, subliñou que o Igape, que incrementa o seu orzamento para o próximo ano ata os 262,5 millóns de euros, multiplica por tres os fondos asignados a instrumentos de financiamento.
 

Imaxes relacionadas