Lete Lasa entrega ao Clube Bádminton Ravachol unha furgoneta valorada en 25.000 euros e adquirida a través da orde de subvencións de equipamentos

Os importes das subvencións son o 80% do investimento subvencionable mentres que a porcentaxe restante é achegada pola entidade beneficiaria

Pontevedra, 19 de novembro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, entregou hoxe ao Clube Bádminton Ravachol unha furgoneta para os desprazamentos do equipo adquirida a través da orde de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos. A Xunta achegou un total de 20.000 euros dos 25.000 nos que está valorado o vehículo.

O secretario xeral para o Deporte volveu felicitar ao Clube Bádminton Ravachol polo ascenso conseguido a tempada pasada á máxima categoría do bádminton nacional e destacou o gran momento que vive o bádminton galego cun quinto posto por equipos no Europeo Júnior celebrado en Finlandia ou os catro ouros e tres bronces no primeiro Campionato de España do ano, o sub 15. Do mesmo xeito desexou moito éxito ao Ravachol no que resta de tempada, así como para o Campionato de España sub 19 que terá lugar esta fin de semana en Toledo e no que competirán tres xogadores do club pontevedrés.

Grazas a esta convocatoria, resolta o pasado 10 de setembro de 2020 e publicada no Diario Oficial de Galicia, un total de 29 clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas, ademais de 10 federacións deportivas galegas víronse beneficiadas con axudas para adquirir os seus equipamentos, ata un importe máximo de 602.837,90 euros. Os importes das subvencións son o 80% do investimento subvencionable mentres que a porcentaxe restante é achegada pola entidade beneficiaria.

Imaxes relacionadas