A Área de Rehabilitación Integral de Sober recibe este ano case 150.000 euros para a recuperación de inmobles e espazos públicos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o concello lucense para coñecer o resultado dalgunhas das obras xa executadas nesta ARI, a única de Galicia que abrangue a totalidade dun municipio

Desde a súa declaración no ano 2011, mobilizouse a través desta figura un investimento de máis de tres millóns de euros que permitiron rehabilitar xa un cento de vivendas e seis obras de rexeneración urbana en espazos de uso público

A responsable autonómica avanza tamén que as obras para a construción en fábrica de tres vivendas modulares de promoción pública en Sober están moi avanzadas e os traballos de escavación e cimentación sobre o terreo xa remataron

Sober (Lugo), 19 de novembro de 2020

O Concello de Sober (Lugo) disporá de 141.412 euros para investir en actuacións de rehabilitación do seu patrimonio construído con cargo á convocatoria 2020 das axudas para Áreas de Rehabilitación Integral (ARI). Así o subliñou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao municipio lucense para comprobar o resultado dalgunhas das intervencións acometidas xa con cargo a este programa, cuxa última convocatoria acaba de resolverse coa sinatura de 25 convenios en toda Galicia por un importe de 2,7 millóns de euros.

Concretamente, a responsable galega de Medio Ambiente, acompañada do alcalde Luis Fernández, visitou unha vivenda próxima á Casa do Concello na que se executou a rehabilitación integral da fachada exterior con cargo a estas axudas. Trátase, como lembrou a conselleira, dunha das máis de cen vivendas localizadas na ARI de Sober nas que se interveu nos últimos anos grazas ao programa para o fomento da rehabilitación residencial.

Ao respecto, Vázquez Mejuto lembrou que esta Área de Rehabilitación Integral foi declarada no ano 2011, converténdose deste xeito na “primeira e única de Galicia” que abrangue a totalidade dun municipio. Esta decisión adoptouse debido ás propias características do concello, como núcleo principal da Ribeira Sacra e cuxa poboación está dispersa en núcleos asociados á industria vinícola e núcleos de gran interese arquitectónico e etnográfico, que comparten unha mesma tipoloxía construtiva e posúen elementos catalogados e con protección polo seu valor patrimonial.

Convenios en execución

En total e desde a declaración da ARI de Sober, mobilizouse un investimento de máis de tres millóns de euros nos diferentes tipos de intervencións xa executadas, incluíndo a rehabilitación das vivendas antes mencionadas e tamén seis obras de rexeneración urbana en distintas prazas e espazos de uso público.

As actuacións de recuperación e rehabilitación integral en Sober, en todo caso, terán continuidade nos vindeiros anos, xa que o Concello ten en execución un total de cinco convenios de colaboración dotados con case 712.000 euros para investir na ARI, aos que se suman os case 142.000 euros que lle corresponderon no reparto da convocatoria de 2020.

Por todo o exposto, a conselleira considerou que Sober é un “bo exemplo” da aposta decidida da Xunta pola rehabilitación do patrimonio construído, entendida como unha ferramenta útil e efectiva para impulsar a dinamización social, económica e demográfica da Comunidade galega.

En todo caso, incidiu tamén na importancia de seguir construíndo vivenda nova e contribuíndo a que concellos como o de Sober poidan incrementar o seu parque público residencial para poñelo a disposición da súa veciñanza a prezos vantaxosos.

Neste sentido, Ángeles Vázquez recordou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) escolleu este municipio lucense para poñer en marcha un programa piloto no rural de construción de pequenas promocións de vivendas modulares de tipoloxía unifamiliar. Así, explicou que o obxectivo é dotar a Sober dun novo edificio residencial que albergará tres vivendas modulares de promoción pública entre medianeiras, nas que se investirán un total de 435.775 euros.

Os inmobles están situados entre o colexio Virxe do Carme e o centro de saúde do Concello e as obras na zona xa comezaron. De feito, a conselleira indicou que dende comezos de novembro, estanse a compaxinar os traballos sobre as parcelas onde se situarán os inmobles –consistentes basicamente na escavación e execución dos cimentos (obras xa rematadas) e dos muros perimetrais- co proceso de construción modular das vivendas, realizado integramente en fábrica.

Segundo explicou Vázquez Mejuto, o obxectivo desta experiencia piloto, que tamén se está a desenvolver no Concello de Cenlle, é dobre: por un lado, testar a construción modular como unha forma áxil de incrementar o parque de vivendas protexidas existentes en zonas rurais, onde as parcelas se adaptan a este tipo de técnica construtiva; e por outra, apostar pola innovación en materia de edificación residencial, ao tempo que se reduce a xeración de residuos con respecto ás metodoloxías tradicionais.

Imaxes relacionadas