O secretario xeral de Política Lingüística visita en Trasalba a mostra 'Carvalho Calero. A voz presente'

A exposición despide mañá a sede da Fundación Cultural Ramón Otero Pedrayo e enceta a recta final das súas itinerancias na provincia de Ourense

Amoeiro (Ourense), 18 de novembro de 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou hoxe na casa grande de Cimadevila, sede da Fundación Cultural Ramón Otero Pedrayo, a mostra Ricardo Carvalho Calero. A voz presente, que promove a Consellería de Educación, Cultura e Universidade en colaboración coa Associaçom Galega da Lingua (AGAL) no marco da programación institucional conmemorativa das Letras Galegas 2020 impulsada pola Xunta de Galicia.

Na visita participaron, canda o secretario xeral, María Victoria Carvalho-Calero Ramos, filla do autor homenaxeado; Rosendo Fernández, vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, e mais Juan Luis Saco e Alfonso Vázquez-Monxardín, presidente e secretario da Fundación Otero Pedrayo, respectivamente.

A mostra despide mañá Trasalba e enceta xa a recta final da súa itinerancia na provincia de Ourense, con paradas na Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia e na Biblioteca Pública de Ourense Xeración Nós, onde dará por concluído o seu paso por 10 localidades galegas durante este 2020.

Carvalho Calero fala de si mesmo e da súa obra

O proxecto expositivo Carvalho Calero. A voz presente configúrase arredor dunha ducia de paneis, un audiovisual e un díptico explicativo (reformulado en código QR para adaptalo ás medidas de seguridade sanitaria e protocolos derivados da crise da covid-19). Para alén dos paneis de presentación e de créditos, cinco deles presentan unha liña do tempo con datos relativos ao percorrido vital do autor, os espazos onde este se desenvolveu, as circunstancias políticas que o rodearon e a súa obra.

A continuación, outros cinco céntranse en cadanseu aspecto da súa figura e do seu legado. O primeiro deles aborda o seu traballo como filólogo e divulgador, tanto da literatura como da lingua galega. O segundo, A obra, ocúpase da súa faceta de creador literario. O terceiro, Lugares vitais, analiza a súa relación con Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela; o cuarto, Reintegracionista, ocúpase da súa posición con respecto á norma ortográfica do galego, en tanto que o quinto, Intelectual honesto, mostra a súa actitude vital independente, crítica e comprometida ao longo dos anos.

Tal e como o título da exposición indica, procurouse que fose o propio autor homenaxeado quen –a través de citas de obras literarias, artigos, entrevistas concedidas...- falase directamente de si mesmo e da súa obra.

Toda a información, materiais expositivos e calendario de itinerancias poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Imaxes relacionadas