A Xunta adxudica as obras de mellora da seguridade viaria das estradas AC-234 e AC-905, ao seu paso polos concellos de Boimorto e Arzúa

Esta actuación, adxudicada por un importe de case 48.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de execución dun mes

A intervención centrarase na mellora de seguridade das beiravías da estrada AC-234 e na rehabilitación do firme nesta vía e na AC-905

O Goberno galego continúa traballando no mantemento das estradas de titularidade autonómica coa fin de mellorar a seguridade dos usuarios

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020

A Xunta adxudica as obras de acondicionamento e mellora da seguridade viaria das estradas AC-234 e AC-905, ao seu paso polos Concellos de Boimorto e Arzúa.

Esta actuación, adxudicada á empresa Construcciones Leonardo Miguelez, S.L. por un importe de case 48.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de execución dun mes.

A intervención centrarase en mellorar a seguridade viaria das beiravías da estrada AC-234, entre os puntos quilométricos 4+000 e 10+750.

O proxecto tamén inclúe a rehabilitación do firme nesta vía e na estrada AC-905, naqueles puntos onde a capa de rodadura estea deteriorada.

As obras levaranse a cabo en terreos de dominio público da estrada, polo que non serán necesarias as expropiacións.

A Xunta continúa traballando no mantemento e na conservación das estradas de titularidade autonómica coa fin de mellorar a seguridade dos usuarios.