A Xunta mellora as comunicacións do parque empresarial de Outeiro de Rei cunha achega de 112.300 euros

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se construíron beirarrúas e ampliouse a plataforma das vías para mellorar a seguridade dos peóns e a operatividade do tráfico pesado

Lugo, 18 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia impulsou a mellora das comunicacións do polígono industrial da Matela, en Outeiro de Rei, a través dunha achega de 112.300 euros da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, acompañado do alcalde, José Pardo, entre outros, desprazouse á zona da intervención, que afectou a parte da estrada principal do parque, á vía que a conecta coa estrada LU-115 e á glorieta de enlace neste punto.

As obras, xa rematadas, foron financiadas mediante a convocatoria de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais. Un dos principais obxectivos da iniciativa foi dar continuidade ao tránsito peonil, para o que se construíron beiravías e novas beirarrúas a partir da existente -de idénticas características-.

Neste sentido, o delegado lembrou que a Xunta tamén vén de poñer en servizo na mesma área unha senda peonil e ciclista na marxe da estrada autonómica LU-115, “favorecendo un cambio na mobilidade, para que traballadores e usuarios do polígono poidan desprazarse de forma segura a pe ou en bicicleta, sen necesidade de utilizar o seu vehículo particular”.

Igualmente, a actuación aumentou a sección da plataforma para garantir a circulación de vehículos articulados en condicións óptimas. A actividade das industrias localizadas no parque empresarial, sumada á da estación de servizo, tradúcese nun tráfico de máis de 100 vehículos pesados diarios.

Realizáronse outros traballos complementarios, como a mellora do pavimento e pintado de marcas viarias, instalación de sumidoiros que se conectaron á rede de pluviais, prolongación das obras de drenaxe ou canalización subterránea da rede eléctrica para a iluminación pública.

Javier Arias apuntou que a Xunta colabora cos concellos para resolver as necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de servizos que presentan os parques empresariais, “permitindo á súa modernización e actualización para que sigan resultando competitivos”.

Imaxes relacionadas