A Xunta adxudica a execución dunha senda peonil na estrada AC-542, entre Carral e Ordes, para mellorar a seguridade dos peregrinos

Esta actuación, adxudicada por un importe de case 48.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de execución de dous meses

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2020

A Xunta vén de adxudicar as obras de construción dunha senda peonil na estrada AC-542, entre Carral e Ordes.

Esta actuación, adxudicada á empresa Excavaciones y Obras Candal S.L por un importe de case 48.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de execución de dous meses.

Trátase de dotar dun itinerario peonil o tramo do Camiño Inglés que discorre pola estrada AC-542, desde As Travesas, en Carral, ata o seu desvío por un camiño local que conduce ao lugar de Hospital, en Mesía, onde existe un albergue.

A intervención ten como obxectivo aumentar a seguridade dos peóns, xa que na actualidade este traxecto percórrese pola beiravía, nunha zona cun tráfico elevado debido á actividade industrial da zona.

Estas obras enmárcanse no programa da Xunta para mellorar a seguridade viaria dos peregrinos ao seu paso por treitos dos Camiños de Santiago coincidentes coas estradas de titularidade autonómica.

Imaxes relacionadas