A Comisión Superior de Urbanismo informa a ampliación do Instituto de Feiras e Exposicións de Vigo que remata a súa tramitación urbanística

Tal e como se comprometera a semana pasada a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, na reunión celebrada esta mañá constatouse que se dispoñen de todos os informes necesarios para validar a ampliación

Agora o órgano substantivo deberá elevalo ao Consello da Xunta, para visto e prace dos membros do Goberno galego

A licitación das obras está condicionada ao feito de que o Concello de Vigo constate que dispón dos terreos necesarios libres de cargas e gravames
 

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2020

A Comisión Superior de Urbanismo vén de informar favorablemente a ampliación do Instituto de Feiras e Exposicións de Vigo (IFEVI). O acordo foi unánime por parte de todos os membros presentes na Comisión.

Deste xeito, deuse o último paso da tramitación urbanística que este proxecto debía avanzar perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; xa que na reunión da Comisión, presidida esta mañá pola directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, constatouse que este proxecto dispón de todos os informe solicitados e necesarios, que avalan continuar coa súa tramitación.

Así, a ampliación do Instituto de Feiras e Exposicións de Vigo (IFEVI) será devolta ao órgano substantivo, entidade que deberá elevala a consideración do Consello da Xunta, para visto e prace dos membros do Goberno galego.

A Xunta de Galicia destaca o compromiso e celeridade co que se traballou neste proxecto de grande importancia para a Cidade olívica, como demostra o feito de que todos os informes que tiñan que emitir os distintos departamentos da Xunta estaban na súa totalidade e só faltaban tres do Estado, chegando o derradeiro o luns 19 de outubro.

Cómpre recordar que o último informe recibido foi o da Demarcación de Carreteras do Estado, o denominado Informe ao amparo do artigo 11 do Real Decreto 1367/2007, de 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, de 17 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas.

En todo caso, a licitación da obras está condicionada á disposición dos terreos, unha tarefa que lle corresponde ao Concello de Vigo, polo que a Xunta garda que a administración local cumpra a súa parte, que é proceder á expropiación dos terreos necesarios e así poder licitar as obras e iniciar as mesmas.

O compromiso da Xunta con Vigo e co Ifevi non só queda demostrado coa tramitación rigorosa; senón tamén co investimento programado para este proxecto.