A Policía Autonómica realizou 18 operativos na provincia da Coruña para controlar as medidas ante a covid-19

No marco destes controis os axentes identificaron a 25 persoas e tramitaron 12 denuncias en nove concellos da provincia coruñesa

Estes dispositivos enmárcanse no plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación da covid-19, no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias

A Coruña, 17 de novembro de 2020

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante esta fin de semana 18 dispositivos na provincia da Coruña no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron 35 inspeccións en catro concellos da provincia na pasada fin de semana, que deron como resultado a identificación de 25 persoas e a tramitación de 12 actas de infracción.

En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 13 ao 15 de novembro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Leváronse a cabo dispositivos en nove municipios da provincia en Ames, A Coruña, Noia e Santiago de Compostela.

No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron nun total de 23 concellos, nos que que se rexistraron 7 operativos cun total de 121 inspeccións, con máis de 600 persoas identificadas e 28 denuncias tramitadas.

Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.