Luisa Piñeiro inaugura o primeiro obradoiro de emprego específico para a mocidade de Moraña e Valga, promovido pola Xunta cun orzamento de 430.000€

Esta iniciativa laboral acolle a 16 desempregados de ata 30 anos durante doce meses con 1.920 horas de formación e ten como obxectivo mellorar a súa capacidade de inserción no mercado

A delegada territorial resalta o “enorme compromiso” da Xunta co emprego e a formación e anuncia que estes dous concellos disporán doutro obradoiro, a quinta edición do ‘Ulla-Umia’, que comezará en decembro

Moraña, 16 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, inaugurou esta mañá no Edificio Multiusos de Santa Lucía o obradoiro de emprego Xóvenes, unha iniciativa laboral específica para a mocidade que se estrea nos concellos de Moraña e Valga. Esta actividade, que ten un formato moi semellante aos obradoiros de emprego duais, está promovida pola Consellería de Emprego e Igualdade e conta cun orzamento de 430.000€.

A representante autonómica quixo resaltar o “enorme compromiso” da Xunta de Galicia co emprego e coa formación, impulsando máis dunha vintena de obradoiros e Programas Integrados de Emprego (PIE) por toda a provincia “para favorecer a reactivación económica, a mellora das condicións das persoas desempregadas para atopar un traballo e o impulso ao mercado laboral, especialmente nunhas condicións socioeconómicas tan difíciles como as actuais polos efectos da crise sanitaria da covid-19”.

Ademais, Luisa Piñeiro anunciou que os concellos de Moraña e Valga vanse beneficiar, a partires do próximo mes de decembro, doutro obradoiro de emprego dual que se desenvolverá de xeito paralelo ao de Xóvenes, xa que a Xunta acaba de aprobar a quinta edición do proxecto Ulla-Umia para vinte desempregados cun orzamento de 346.946€. Na bisbarra tamén haberá outra iniciativa similar máis, posto que o Goberno galego concedeu o proxecto Os Camiños do Camiño ao Concello de Caldas de Reis con 15 participantes e un investimento de 260.209€, superando deste xeito o millón de euros en programas de emprego na comarca para o ano 2021.

O obradoiro de emprego Xóvenes de Moraña e Valga conta coa participación de 16 desempregados de ata 30 anos de idade adscritos ao ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e desenvolverase durante os próximos doce meses cos módulos de Albanelería e Forestal, con oito alumnos-traballadores en cada un. A través destes obradoiros, os alumnos e alumnas, ademais de recibir unha cualificación específica, optan a un contrato laboral durante os meses do programa.

Terá 1.920 horas de formación nas que misturaranse aspectos teóricos e prácticos para mellorar a súa empregabilidade e a súa capacidade de inserción laboral no mercado e, ademais, tamén realizarán diversas actuacións en equipamentos e servizos públicos de ambos municipios e recibirán ensinanzas específicas en materia de Prevención de Riscos Laborais (PRL), alfabetización dixital, sensibilidade ambiental e igualdade.

Imaxes relacionadas