A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, abordou hoxe o Plan de xestión do risco de inundacións do río Lagares coa directiva de Asime e con empresas instaladas no polígono do Caramuxo

A Xunta presenta o proxecto para investir 1,6 M€ na ampliación do cauce do río Lagares no polígono do Caramuxo, en Vigo, coa fin de reducir o risco de inundacións e o impacto nas industrias

Vázquez Mourelle indica que a Xunta lle remitiu hoxe ao Concello os 5 proxectos técnicos das obras previstas no río Lagares, entre elas, a do ámbito do Caramuxo

Vigo, 16 de novembro de 2020

A Xunta presenta o proxecto para investir 1,6 millóns de euros na ampliación do cauce do río Lagares no polígono do Caramuxo, en Vigo, coa fin de reducir o risco de inundacións e o seu impacto nas industrial.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, abordou hoxe o Plan de xestión do risco de inundacións do Lagares coa directiva de Asime e as empresas instaladas no polígono do Caramuxo

Vázquez Mourelle trasladoulles que a Xunta lle remitiu hoxe mesmo ao Concello de Vigo o proxecto para esta contorna, xunto coas demais actuacións que compoñen o Plan de xestión do risco de inundacións do río Lagares.

Entre os proxectos técnicos das 5 actuacións prioritarias atópase o do polígono do Caramuxo, cuxa finalidade é protexer o territorio, as propiedades e as fábricas mellorando a capacidade hidráulica do río.

A intervención nesta zona céntrase en anchear a canle do Lagares ao longo dun treito de 815 metros do río neste ámbito, elevando a súa capacidade e reducindo o risco de asolagamento.

Trátase de manter nas condicións actuais a liña inferior da sección transversal do río e formar unha pendente tendida nas liñas superiores para aumentar a capacidade do leito.

De forma complementaria tamén se prevé retranquear as sendas fluviais existentes en ambas as dúas marxes do río.

Plan de xestión do risco de inundacións

A conselleira lembrou que o do río Lagares é un dos plans específicos que a Xunta está a desenvolver para as 9 zonas fluviais de Galicia con maior risco de inundacións.

O Plan, cun orzamento total de 6,8 millóns de euros, recolle unha serie de actuacións paliativas e preventivas, de aplicación pola Xunta e o Concello, para minimizar o risco de enchentes.

O pasado día 3 de novembro a Xunta remitiulle ao Concello de Vigo o protocolo para cooperar no desenvolvemento, por parte a Xunta, das obras para previr o risco de inundacións, coa xestión dos terreos por parte da administración local.

En total, o documento abrangue obras para mellorar o espazo fluvial do Lagares en 4 ámbitos da cidade -entre eles o Polígono do Caramuxo-, e a creación de áreas de inundación controladas.

Ethel Vázquez sinalou que as medidas buscan incrementar a capacidade de predicir o risco de inundación e aproveitar a elaboración do novo Plan de urbanismo de Vigo para delimitar con claridade as zonas inundables e reforzar a prevención.

Apuntou que o plan aposta pola naturalización do leito do río e as infraestruturas verdes, fronte a outras solucións baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

“A Xunta quere destinar 6,8 millóns ao obxectivo de reducir o risco de asolagamentos en Vigo e agardamos contar coa colaboración do Concello para poder empezar a desenvolver estas obras o antes posible”, remarcou.

Imaxes relacionadas