As obras de acondicionamento dos espazos públicos en Tourós-Barxés no concello de Muíños comezarán este outono

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de asinar o contrato coa empresa adxudicataria, por un importe de máis de 130.000 euros

O obxectivo dos traballos que se levarán a cabo é recuperar os espazos públicos peonís para facilitar os desprazamentos e potenciar a súa función como espazo de encontro dos veciños

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2020

As obras de acondicionamento dos espazos públicos no núcleo de Tourós e Barxés no Concello de Muíños comezarán este mesmo outono, despois de que se asinara o contrato polo que se adxudica esta actuación.

Esta actuación, que se adxudicou por un importe de 131.405 euros, pretende mellorar a seguridade, accesibilidade e imaxe das rúas para garantir o benestar dos veciños, nunha zona na que se localizan edificacións tradicionais. Así, fomentarase a recuperación dos espazos públicos peonís para facilitar os desprazamentos e potenciar a súa función como espazo de encontro dos veciños e para manter e conservar as rúas en óptimas condicións para vehículos e peóns.

A iniciativa propón a creación dun acceso peonil á Praza do Cruceiro de Barxés e ao complexo turístico deportivo O Corgo; así como a construción de beirarrúas en Mugimes e o acondicionamento da Praza de San Rosendo tamén neste núcleo, co fin de dotar dun espazo que satisfaga as demandas de ocio e lecer dos veciños.

A Consellería Medio Ambiente aposta por establecer e fomentar este tipo de colaboracións, como a que se executa no Concello de Muíños, porque é acorde aos obxectivos que se marca o departamento que dirixe, como poñer en valor as dotacións actuais dos concellos galegos, a través da recuperación e a mellora dos espazos.