A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe á final desta disciplina

A Xunta apoia as creacións das mozas e mozos finalistas do programa Xuventude Crea na especialidade de Danza Moderna

Nesta edición presentáronse a esta categoría un total de nove grupos integrados por un total de 33 rapazas e rapaces

Vigo, 13 de novembro 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, amosou esta tarde o seu apoio ás mozas e mozos finalistas na especialidade de Danza Moderna do programa Xuventude Crea. Fíxoo durante a exhibición das seis obras que chegaron á final e que tivo lugar no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

Nesta edición presentáronse un total de nove grupos para a categoría de Danza Moderna, integrados por un total de 33 rapazas e rapaces. Deles, foron seis as representacións elixidas para esta final: a obra Ninjas do grupo Grow as Ohana, de Nigrán; Cardumen, do grupo vigués Estorniños; Abraio, do grupo AR., da Coruña; Litost, do grupo Mera, de Vigo; Esnaquizoume, dos Sway de Vigo; e Puedes, do grupo Pontenciarte do Porriño.

O programa Xuventude Crea, que cumpre once anos, vai dirixido a mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30. Ademais de Danza moderna, o certame premia as mellores creacións noutras 13 disciplinas: Fotografía, Artes Plásticas, Teatro, Banda deseñada, Cociña, Creación de videoxogos, Deseño de xoias, Graffiti, Moda, Música, Novela Curta, Poesía e Videocreación.

Os premios para cada especialidade son de 3000 euros o primeiro premio, 1500 euros o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

Outros gañadores

Na categoría de Graffiti chegaron á final dez creadores que realizaron en directo as súas propostas. O primeiro premio foi para Javier Caamaño Pérez (A Coruña) pola obra titulada O Raposo; o segundo premio recaeu en Adrián Lomba Balea (Vigo) coa proposta Estilo en continua construcción; e en terceiro lugar quedou Daniel Fernández Vargas (Baiona) coa creación Entusiasmo luminoso. Ademais, o xurado concedeu unha mención de honra a Fernanda Rodríguez Miguélez (A Coruña) pola obra Escornabois.

No apartado de Artes Plásticas o primeiro premio foi para Adriana Brantuas Arijón, coa escultura A memoria do baleiro (Santiago de Compostela); o segundo recaeu en María del Mar Ramón Soriano pola súa peza escultórica titulada Desnudo, juego de bolos (Ourense); e o terceiro premio resultou compartido entre Sara Piñeiro Fernández, coa pintura Pandermia —serie magma, simulacións do corpo ubicuo— (Lalín) e María López Quiroga pola obra pictórica Atlas de xeografía cognitiva (Lugo).

Na especialidade de Fotografía, os premiados foron: Helena Lafuente González, gañadora do certame coa obra O pasado esquecido (Bergondo); o segundo premio foi compartido por Cecilia López Prego con Nihil timeo (Oleiros) e Eva Antelo Mata coa instantánea Contratempo. Canción triste do nunca habilitado nº2 (Santa Comba); e terceiro premio tamén outorgouse compartido entre Adrián Vázquez Rodríguez coa proposta titulada A outra festa (Lugo) e Olaya Rodríguez Pérez pola fotografía A sombra da utopía (Verín).

Xa se coñecen tamén os gañadores na categoría de Teatro, que foron os grupos Palimoquiños e Cía de Lugo (primeiro premio); Loghengrin Teatro de Vigo (segundo clasificado) e Farándula Velutina de Corcubión (terceiro premio).

Imaxes relacionadas