O Servizo Galego de Saúde acada diversos acordos coas organizacións sindicais da mesa sectorial

Execución do concurso de traslados, que permitirá que 1.036 traballadores se incorporen a novos destinos

Implantación de novos postos de coordinador de técnicos superiores

Medidas do Plan de continxencia covid-19 en materia de recursos humanos

Santiago de Compostela, 13 de novembro do 2020

No día de hoxe tense celebrado a reunión da Mesa sectorial de sanidade, a través de videoconferencia, presidida pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, e coa asistencia dos representantes das organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE, UGT.

A evolución da situación sanitaria derivada da pandemia orixinada polo novo coronavirus covid-19, cun incremento da presión asistencial nos centros sanitarios, unha diminución dos efectivos dispoñibles nas listas de selección temporal e importantes restricións na mobilidade, require a adopción dunha serie de medidas na execución do concurso de traslados de persoal estatutario correspondente ao ano 2020, que, sen menoscabar o dereito á mobilidade voluntaria dos profesionais e facilitando a conciliación da súa vida laboral e familiar, permita dar resposta ás necesidades asistenciais e non interfira na actividade e funcionamento dos centros sanitarios e as súas distintas unidades.

A Administración sanitaria e as organizacións sindicais con representación en Mesa Sectorial acordaron por unanimidade levar a efecto a resolución do concurso de traslados, o que permitirá que 1.036 profesionais acaden novos destinos definitivos, se ben as xerencias dos centros sanitarios poderán diferir o cese daqueles profesionais que, por necesidades do servizo e organizativas, dada a evolución epidemiolóxica da pandemia deban permanecer nos seus destinos ata que a evolución da situación sanitaria o permita. Así mesmo, as xerencias de área poderán requirir o regreso ao posto de orixe se a situación sanitaria o esixe. Comprometendo a Administración á publicación da resolución neste mesmo mes de novembro.

Co respaldo de CIG, CCOO, CSIF e UGT chegouse ao acordo de implantar en todas as áreas sanitarias novos postos de coordinación de técnicos superiores con funcións de coordinación e xestión do persoal de cada especialidade.

Estes postos implantarase inicialmente en catro especialidades anatomía patolóxica e citoloxía, imaxe para o diagnóstico, laboratorio de diagnóstico clínico e radioterapia, atendendo ao número de traballadores destas especialidades que prestan servizos nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde; pero non exclúe que ditos postos se estendan a outras titulacións de persoal técnico superior, na medida en que a súa implantación futura así o xustifique.

O obxectivo para o ano 2021 e dispoñer de 30 novos postos de traballo, que se repartirán entre as sete áreas sanitarias.

Por outra banda, na reunión revisáronse as alegacións que as organizacións sindicais realizaron ao Plan de continxencia covid-19 en materia de recursos humanos presentado pola Administración sanitaria o pasado 6 de novembro, acordando a continuación da negociación, que queda aberta nestes intres, que afecta entre outras a materias como teletraballo e flexibilidade horaria.

Co apoio das organizacións sindicais CSIF, SATSE e UGT acordouse impulsar o nomeamento de continuidade por emerxencia sanitaria, o que permitirá realizar 150 contratos a persoal de enfermería durante un ano.

Así mesmo, prevese realizar nomeamentos de emerxencia sanitaria noutras categorías cunha duración mínima de catro ou de seis meses, en función das necesidades asistenciais. A previsión de contratación na categoría de persoal de enfermería é de 600. A oferta se formalizará trala cobertura das vacantes pendentes de cubrir e as que se derivan da execución do concurso de traslados.

En canto á puntuación por dispoñibilidade a aplicar nas listas de contratación para acceso a traballo temporal como mérito dos aspirantes que traballaron sen suspensións durante a pandemia, hai acordo en canto ao recoñecemento desta dispoñiblidade cunha puntuación adicional, tal como se lle recoñece ao persoal de listas de curta duración ou pool, se ben quedaron emprazados a aprobalas trala reunión a vindeira semana da comisión de seguimento do Pacto onde participan tamén outros sindicatos.

No que se refire ao anuncio realizado polo presidente da Xunta de Galicia sobre recoñecer un plus polo esforzo do persoal sanitario durante a pandemia, quedaron emprazados para concretalo nos futuros baremos das vindeiras convocatorias de OPE que se formalicen.

Unha vez que se aprobe a oferta de emprego público 2020 se formalizarán as convocatorias para acumular as prazas ás convocatorias de 2019.