Román Rodríguez destaca o traballo científico na loita contra a pandemia que se está levando a cabo nas universidades galegas

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliñou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa investigación universitaria ao tempo que loou o traballo científico na loita contra a pandemia que se está levando a cabo nas tres universidades galegas, a través das distintos centros, grupos e unidades científicas, que contan co apoio do Goberno galego. Así o sinalou no Foro Sumo Valor: A loita contra a covid, un programa de micromecenado impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela a través do Consello Social que ten como reto principal poñer a ciencia ao servizo da medicina e da sociedade no campo específico da loita contra a covid-19. “A investigación, a innovación e a valorización do coñecemento son pezas clave da prosperidade económica”, dixo o conselleiro, quen subliñou que desde o Goberno galego “non vai escatimar esforzos” no obxectivo de consolidar en Galicia un sistema de I+D+i de calidade e prestixio internacional.

No que atinxe ao Foro Sumo Valor, é un proxecto integrado por científicos de recoñecido prestixio como María José Alonso, Ángel Carracedo, Juan Lema, Jesús López Romalde, Jorge Mira, Ángel Miramontes e Javier Montenegro. Todos eles interviron hoxe para expoñer as súas liñas de investigación vencelladas á covid. O acto estivo presidido polo reitor da USC, Antonio López, que, ademais do conselleiro, estivo acompañado da presidenta do Consello Social da Universidade, Cecilia Sierra, e do vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo.

Imaxes relacionadas