Sanidade reforza as medidas restritivas no concello de Ribadavia e na comarca Bergantiños

Os concellos de Ribadavia, Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso, engádense aos 60 municipios que desde a pasada semana contan con restricións perimetrais

O concello da Laracha é o único municipio bergantiñán que permanecerá coas mesmas restricións que tiña ata o de agora

Malia continuar co mesmo nivel de restricións, os concellos de Sanxenxo, A Rúa e Chantada terán unha vixilancia especial por parte do comité clínico
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá en rolda de prensa das medidas acordadas polo subcomité clínico na xuntanza mantida este venres, entre as que destacan o reforzo das restricións no concello de Ribadavia e tamén en seis dos sete concellos da comarca de Bergantiños

Na compaña do xerente do Sergas, José Flores, e da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o titular da carteira sanitaria galegas anunciou que tras analizar a evolución do número de casos nos concellos de Ribadavia, Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso, todos eles verán ampliadas as súas medidas restritivas.

Neste sentido, cómpre salientar que da totalidade dos concellos que integran a comarca bergantiñá, soamente o concello da Laracha permanecerá co mesmo nivel de restricións que mantiña até o de agora.

García Comesaña remarcou que desde o comité clínico tamén se consensuou levar a cabo unha “observación especial” á evolución epidemiolóxica dos concellos de Sanxenxo, A Rúa e Chantada. Tres municipios que, aínda que polo de agora non se lles imporán medidas restritivas adicionais, terán unha vixilancia específica por mor dos seus últimos datos.

Estas novas medidas adoptadas polo grupo de expertos que fai seguimento a evolución da covid-19 en Galicia, chega nun momento en que a expansión do virus Sars-CoV-2 na nosa comunidade semella estabilizarse, tras rexistrárense sete días consecutivos nos que descende o número de casos activos.

As medidas serán publicadas na xornada de hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entrarán en vigor a partir das 00:00 horas desta medianoite, co que un total de 67 concellos galegos contarán con medidas especiais.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade, instou á poboación a cumprir as medidas hixiénico-sanitarias establecidas, poñendo especial énfase no cumprimento das medidas referidas ás visitas hospitalarias. Así mesmo, convidou a toda a cidadanía a descargar as aplicacións PassCOVID e RadarCOVID.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, incidiu en que debe facerse unha análise “prudente e contida dos datos”, pois, a pesar de que as medidas semellan estar a dar os froitos, aínda é cedo para sacar conclusións.

Nesta mesma liña, a directora xeral de Saúde Publica, Carmen Durán, repasou a evolución epidemiolóxica dos concellos que se atopan sometidos a restricións perimetrais, destacando que malia a que “a evolución epidemiolóxica na comunidade é estable e con certa tendencia ao descenso” é preciso non baixar a garda.

Finalmente, o conselleiro concluíu a súa intervención agradecendo unha vez máis o traballo de todos os profesionais sanitarios, e tamén a toda a cidadanía galega pola responsabilidade que está a amosar desde o primeiro momento da pandemia.
 

Imaxes relacionadas