Sanidade continúa coas reunións semanais cos alcaldes dos concellos afectados polas restricións

O departamento sanitario galego subliña o talante dialogante e agradece a cooperación dos concellos nestas circunstancias duras para a cidadanía

A comunicación cos concellos é periódica e constante en busca dun traballo conxunto necesario para atallar esta crise sanitaria
 

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020

A Consellería de Sanidade continúa coas reunións semanais cos alcaldes dos municipios afectados polas restricións decretadas pola Xunta de Galicia e avaladas polo Comité Clínico. Entre onte e hoxe, mantivéronse unha decena de xuntanzas telemáticas cos 60 rexidores, nas que estes expuseron as súas dúbidas e inquedanzas e que foron respostadas polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; polo secretario xeral técnico, Alberto Fuentes Losada; e polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas.

Nestes dous días, a Xunta de Galicia convocou aos alcaldes das áreas perimetrais de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Salnés, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, área de Pontevedra, Ferrol, Vigo, e coa rexidora de Lugo. Todos asistiron e mostraron a súa colaboración.

A Consellería de Sanidade subliña o talante dialogante e agradece a cooperación dos concellos nestas circunstancias duras para a cidadanía.

A comunicación cos concellos é periódica e constante en busca dun traballo conxunto necesario para atallar esta crise sanitaria.

Imaxes relacionadas