O Sergas realizará unha reforma integral da UCI do Hospital Clínico Universitario de Santiago

O conselleiro de Sanidade informou hoxe no Parlamento da inclusión da dotación suficiente nos orzamentos de 2021 para acometer estas obras no momento no que non supoñan un risco sanitario para os pacientes

A día de hoxe, o CHUS ten capacidade para habilitar un total de 38 camas de críticos de xeito simultáneo, entre as do Clínico e as do Provincial

Comesaña remarcou a disposición de Sanidade a escoitar sempre as demandas dos seus profesionais e co lema de que a seguridade dos pacientes é sempre a primeira prioridade

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta tarde no Parlamento de Galicia, que o Servizo Galego de Saúde vai levar a cabo unha reforma integral da Unidade de coidados intensivos do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Na súa intervención desta tarde, o titular do departamento sanitario avanzou ao Pleno a intención da súa Consellería de incluír nos orzamentos de 2021 a dotación suficiente para acometer esta obra, que se levará a cabo cando non supoña un risco sanitario para os pacientes. Lembrou ademais que nese mesmo hospital, acábase de ampliar a área de urxencias cun investimento de 1,6 millóns de euros.

A día de hoxe, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago conta con capacidade para habilitar de xeito simultáneo un total de 38 camas para pacientes críticos, segundo informou o conselleiro. Delas, 23 están nas unidades de coidados intensivos (15 no Clínico e 8 no Provincial), a diferencia do que acontece noutras áreas sanitarias onde todas están concentradas nun único hospital. Estas camas foron actualizadas cunha completa renovación do sistema de monitores e telemetría. A estas, hai que engadir outras 15 camas da antiga unidade de reanimación do Hospital Clínico, ás que se dotou de novos respiradores para que puideran estar operativas en caso de ser necesario.

Durante a súa intervención, Comesaña remarcou a disposición do seu departamento para escoitar sempre as demandas dos profesionais. Recoñeceu que a actual UCI do Clínico é mellorable, pero que acometer obras neste momento non sería prudente. O conselleiro afirmou ser consciente das molestias que a actual configuración do espazo pode supoñer para o persoal de enfermería. Por iso acordouse con este colectivo a compensación do cómputo da xornada para o persoal que teña que traballar con equipos de protección individual durante toda a sua quenda. Tamén se pactou a limitación de mobilidade do persoal que traballa na UCI.

Antes de rematar, Julio García Comesaña remarcou que a seguridade dos pacientes é sempre a primeira prioridade. Neste senso lembrou que as mellores medidas que se poden adoptar para preservar a capacidade das UCI son as que se adoptaron a semana pasada, seguindo as directrices do Comité clínico que fai o seguimento da evolución epidemiolóxica da covid-19.

Imaxes relacionadas