A Xunta apoia a través das axudas ás asociacións de veciños o papel destas entidades para repercutir no benestar dos cidadáns

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a asociación de veciños de San Miguel de Oia

A organización destinou a axuda concedida polo Goberno galego á reforma dos aseos do local, así como á renovación do equipo audiovisual para os actos da asociación e á adquisición do mobiliario da aula de cociña

Un total de 190 entidades veciñais galegas beneficiáronse da convocatoria de axudas deste exercicio, que contou cun orzamento de 2,5 M€ da Administración autonómica, dos que 624.000 euros achegáronse a 47 organizacións da área de Vigo
 

Vigo, 9 de novembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o apoio da Xunta ás asociacións veciñais a través das axudas incluídas no Plan de acción comunitaria para mellorar a calidade de vida local, e que este ano contaron cun orzamento de 2,5 millóns de euros que permitiron financiar os proxectos de 190 entidades veciñais galegas. Na área de Vigo, as achegas do Goberno galego beneficiaron a 47 organizacións, entre elas a de San Miguel de Oia.

Alfonso Rueda comprobou esta tarde as melloras levadas a cabo na asociación ao abeiro destas subvencións. Á visita tamén acudiron a directora xeral de Administración local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias. A organización investiu a axuda na reforma dos aseos para permitir a accesibilidade ás persoas con discapacidade, ademais da renovación do equipo audiovisual que se emprega nos actos da sala multiusos e da adquisición de mobiliario da aula de cociña.

O vicepresidente primeiro da Xunta incidiu en que o Goberno galego apoia a dinamización do movemento veciñal con estas axudas dirixidas ás asociacións de veciños e comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais co obxectivo de que poidan manter a súa actividade. Así, destacou o seu papel para recoller e atender as demandas veciñais e contribuír ao benestar dos cidadáns. O investimento da Administración autonómica acadou os 10,5 millóns de euros nos últimos cinco anos, o que permitiu atender os proxectos de case un milleiro de entidades.
 

Imaxes relacionadas