A Xunta remata as obras de reforzo do firme da estrada LU-722 no concello Navia de Suarna, nas que investiu 263.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que os traballos desenvolvéronse en 4,6 quilómetros, dende a capitalidade municipal ata o final da vía autonómica

Navia de Suarna (Lugo), 9 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de reforzo do firme da estrada LU-722 no concello de Navia de Suarna, ás que destinou un orzamento de preto de 263.000 euros (en concreto, 262.878 euros).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a zona e explicou que a actuación desenvolveuse ao longo de 4,65 quilómetros, dende a saída da Pobra de Navia -capitalidade municipal- ata o final da estrada autonómica (puntos quilométricos do 27,930 ao 32,580).

Os traballos executados consistiron na extensión en toda a lonxitude da vía dunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente, a reposición completa das marcas viarias da calzada, renovación da sinalización vertical así como outras tarefas complementarias, como a limpeza de gabias e noiros.

A estrada LU-722 vertebra o municipio, xa que é a vía de conexión de Navia tanto con Asturias como con Becerreá e a autovía A-6. Arias lembrou que esta licitación enmarcouse nun paquete de obras de conservación de estradas en distintos puntos da provincia ao que se destinou máis de 1 millón de euros. “Con intervencións deste tipo -afirmou- continuamos apostando por reforzar a seguridade nas estradas autonómicas, con especial atención aos concellos rurais que precisan de boas comunicacións que faciliten a mobilidade de persoas e mercancías”.
 

Imaxes relacionadas