A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do proxecto de construción para o acondicionamento do trazado da estrada AC-110, no concello das Somozas
Esta actuación suporá un investimento autonómico de máis de 403.000 euros e un prazo de execución de 6 meses
Actuarase no trazado, modificando dúas curvas consecutivas para facilitar o tránsito normal dos transportes especiais que circulan por esta estrada
Executaranse dúas estruturas, unha para salvar a diferenza de cotas entre a nova rasante e o terreo natural, e outra entre a nova rasante e a das beirarrúas naqueles puntos nos que está condicionada pola cota de acceso ás vivendas
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o proxecto de construción para acondicionar o trazado da estrada AC-110, ao seu paso polo concello das Somozas.
O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución.
A actuación suporá un investimento autonómico de máis de 403.000 euros e un prazo de execución de 6 meses.
Trátase dunha actuación de acondicionamento puntual do trazado da estrada autonómica, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+500 e 11+700.
Na actualidade, o trazado impide o tránsito normal dos transportes especiais que circulan por esta estrada, debido aos escasos radios de curvatura que teñen as dúas curvas consecutivas existentes na zona.
A intervención recollida no proxecto céntrase na modificación do trazado destas dúas curvas, entre os puntos quilométricos 11+410 e 11+740.
O proxecto recolle a construción de dúas estruturas, unha para salvar a diferenza de cotas entre a nova rasante e o terreo natural, e outra entre a nova rasante e a das beirarrúas naqueles puntos nos que esta está condicionada pola cota de acceso ás vivendas.
Ademais da calzada, reporanse as beirarrúas e empregarase un pavimento de formigón en cor reforzado con mallazo. Tamén se prolongará a drenaxe transversal no treito que se acondiciona.