Luisa Piñeiro recolle unha vintena de peticións do alcalde de Lalín para a Xunta e garante un "gran apoio" ao Concello

A delegada recibiu peticións sobre o Cocido, as rutas xacobeas, a captación de auga, o transporte, o emprego, os temas sanitarios e as parcelarias

Lembra que a capital dezá recibíu 52 millóns de euros do Goberno galego en catro años e cre que se manterá “o nivel de implicación e intensidade” coa comarca

Lalín, 6 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou na xornada de hoxe a primeira visita institucional á comarca do Deza coa súa visita ao Concello de Lalín, onde mantivo un encontro de traballo co alcalde, Xosé Crespo, e recibiu unha vintena de peticións para o Goberno galego.

Tras escoitar as solicitudes, a representante autonómica anunciou que comezará de inmediato coa súa xestión nos distintos departamentos da Xunta, complementando deste xeito os traballos realizados polo propio rexedor, e garantíu un “gran apoio” ás demandas de Lalín. “Lalín sempre foi un municipio moi traballador e respectuoso coas administracións e a Xunta vai manter o nivel de implicación e intensidade con este Concello e con toda a comarca”, manifestou a delegada.

Entre as peticións recibidas figuran a colaboración coa Feira do Cocido, a potenciación das rutas xacobeas en Lalín, a axilización e construción da nova captación de auga, a extensión das vantaxes do transporte metropolitano, a colaboración co Conservatorio Profesional de Música, o Programa Integrado de Emprego a través da Asociación de Empresarios de Deza, o incremento de fondos para dependencia, o decreto das concentracións parcelarias de Goiás, Galegos e Cristimil ou o Edificio de Medio Rural, entre outras.

Tamén houbo peticións no eido sanitario, como a construción do Centro Integrado de Saúde, unha ambulancia medicalizada, o servizo continuado de hemodiálise e a implementación de pediatría en quenda de tarde.

Luisa Piñeiro aclarou que moitos destes proxectos xa se atopan en fase de xestión ou afrontando trámites administrativos e amosouse convencida de que “moitos deles rexistrarán novidades e comezarán a plasmarse e a ser unha realidade nos próximos meses”. Deste xeito, incidiu en que se lle daría continuidade á “gran colaboración” entre ambas administracións, que permitíu que a Xunta investira máis de 52 millóns de euros no Concello de Lalín durante os últimos catro anos.

“Creo que estas décadas de máxima colaboración entre a Xunta e o Concello de Lalín e o empuxe, valentía e emprendemento dos seus veciños converteu a esta terra nunha das vilas de referenza de Galicia e permitiu acometer unha gran modernización que ademais ten o mérito de que se fixo sen perder as súas tradicións, tanto empresariais como sociais, que seguen moi presentes”, indicou Luisa Piñeiro.

Imaxes relacionadas