A Área Sanitaria de Vigo leva realizadas 85.000 probas PCR nos Covid-auto do CHUVI

A delegada da Xunta de Galicia realizou hoxe unha visita ao Punto de toma de mostras do Álvaro Cunqueiro, no que está emprazado o Covid-auto Escola

A través deste circuíto específico e directo para a comunidade educativa, en tan só un mes lévanse efectuadas 5.700 probas aos escolares da área viguesa

Nos primeiros días desta semana bateuse o récord, acadando as 1950 PCR diarias nestes dispositivos

Vigo, 5 de novembro 2020

A delegada da Xunta de Galicia, Marta Fernández Tapias, realizou hoxe unha visita ao Covid-auto do Hospital Álvaro Cunqueiro para coñecer in situ o funcionamento deste dispositivo sanitario, no que se efectúa a toma de mostras das probas PCR sen baixar do coche.

No transcurso da visita, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, fixo un balance da actividade destes Puntos e informou que, con data 31 de outubro, lévanse rexistradas un total de 85.199 PCR, 66.342 no Meixoeiro e 18.855 no Álvaro Cunqueiro. Destas últimas, o 30% (5.634) corresponden ao Covid-Auto Escola. “Ademais, nestes primeiros días de novembro contabilizamos o número máis alto de probas realizadas, acadando as 1950, o que ven a incrementar de xeito moi significativo a capacidade diagnóstica da área de Vigo”-asegurou o xerente.

Pola súa banda, a delegada agradeceu o esforzo desta área pola iniciativa da posta en marcha do sistema de Covid-Auto Escola para priorizar as probas dos nenos e nenas nun momento tan complicado como foi o inicio do curso. Así, cada vez que se detecta un posible caso nunha aula e se determina que hai que facer PCR, o alumnado desa aula se deriva automaticamente á axenda das liñas Covid-Auto. “Este sistema-afirmou a delegada- ten demostrado a súa eficacia, axilizando a realización dos diagnósticos e aportando a administración unha maior e mellor información que permita adoptar as medidas necesarias en cada momento de cara a frear o virus”.

A delegada aproveitou a súa estadía no centro para facer entrega de varios lotes de libros infantís de Política lingüística, que serán repartidos polo persoal sanitario aos nenos e nenas que se acheguen a estes dispositivos a realizarse a proba.

Iniciativa innovadora

O pasado 17 de marzo instalouse o primeiro Covid-Auto no Hospital Meixoeiro, iniciativa pioneira en España. Seis meses despois, e ante o incremento da demanda deste tipo de probas, adoptouse a decisión de habilitar outro no Ávaro Cunqueiro. Ademais, neste hospital dispúxose dun circuíto específico, o Covid-Auto Escola, para a realización das PCR á comunidade educativa.

Hai que lembrar que este sistema de recollida de mostras funciona con indicación facultativa e con cita previa; isto é, o facultativo ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios establecidos nos protocolos.

Así, nestes dispositivos sanitarios cítanse a aqueles pacientes con sospeita clínica de padecer á enfermidade; aos contactos estreitos dos casos positivos ou ás persoas que van ser sometidas a unha intervención cirúrxica.

Este sistema está a permitir axilizar a realización das probas diagnósticas, diminuír o tempo de sospeita e diagnóstico, acelerar o proceso de identificación dos contactos estreitos e reducir a presión sobre atención primaria, especialmente pediátrica.

Imaxes relacionadas