A Xunta reúnese co Goberno central para seguir traballando na modernización e adaptación á covid da administración de Xustiza
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe nunha reunión de coordinación entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas con competencias na Administración de Xustiza para seguir traballando na súa modernización e adaptación aos efectos da covid-19.
Entre outras medidas, abordouse a necesidade de seguir deseñando medidas de organización do traballo que permitan adaptarse aos distintos escenarios que poidan xurdir durante a evolución actual da pandemia. Tamén se tratou o Plan de recuperación da Administración da Xustiza, cuxa primeira fase xa se está desenvolvendo. Ademais, apostaron por que os fondos europeos do mecanismo de recuperación e resiliencia se destinen no ámbito da xustiza a poñer en marcha recursos e servizos en materia dixital para as actuacións xudiciais e que faciliten o contacto coa cidadanía.