A Xunta destaca as vantaxes de dixitalizar a xestión forestal
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe nun webinario en colaboración coa Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal (PEFC Galicia)
Apunta que a tecnoloxía dixital é un soporte básico para unha xestión forestal sustentable
Salienta a importancia da certificación e a trazabilidade do produto de madeira desde a orixe como garantía de sustentabilidade para o consumidor
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destacou hoxe as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías como a teledetección na xestión forestal. Así o manifestou durante o webinario PEFC 3.0. Dixitalización. Teledetección en montes certificados, en colaboración coa Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal (PEFC Galicia), onde salientou a importancia da certificación e a trazabilidade do produto de madeira desde a orixe como garantía de sustentabilidade para o consumidor.
Nese sentido, Lema apuntou que a tecnoloxía dixital é un soporte básico para unha xestión forestal sustentable e, tamén, para garantir a trazabilidade dos produtos fabricados en madeira, nun contexto en que o consumidor, dixo, demanda produtos e procesos produtivos respectuosos co medio ambiente.
Segundo remarcou, a Axenda da Industria Forestal establece como prioritario o fomento da trazabilidade en base á certificación forestal, e a dixitalización deses procesos. Neste punto, lembrou, por exemplo, a aplicación dos vehículos aéreos non tripulados na xestión forestal e na loita contra o lume. Ademais, engadiu, o ámbito da certificación é preferente no plan de formación específico para o sector posto en marcha pola Xunta.