O delegado da Xunta na Coruña mantivo, esta tarde, un encontro de traballo con representantes da asociación Cambre Empresarial

Trenor informa aos empresarios de Cambre das medidas e das axudas da Xunta para reactivar o tecido empresarial ante a grave crise provocada pola covid-19

O representante do Goberno autonómico explicou o Plan de Rescate para autónomos e microempresas e as medidas da Consellería de Medio Ambiente para a revitalización da actividade empresarial

Cambre (A Coruña), 5 de novembro de 2020

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta tarde unha reunión coa asociación Cambre Empresarial, unha entidade que apenas ten un ano de vida pero que aglutina xa máis de 40 asociados e que ten como obxectivo unificar e planificar de forma conxunta o traballo dos empresarios de Cambre e dos concellos limítrofes.

No encontro, o representante do Goberno autonómico trasladoulles as diferentes iniciativas nas que está a traballar a Xunta de Galicia para axudar a este colectivo a superar a grave crise provocada pola covid-19.

Trenor explicou o Plan de Rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas que ten como obxectivo chegar a 30.000 autónomos e a 10.000 microempresas. Estas axudas complementarán ás recibidas polo Estado e contará con 70 millóns de euros entre 2020 e 2021 con 30 millóns dirixidos aos autónomos afectados polo peche dos seus negocios e unha segunda liña de 40 millóns de euros para microempresas e traballadores autónomos con persoal ao seu cargo. O delegado explicou que neste momento estas axudas se están negociando no marco da Mesa do Emprego Autónomo e no seo do diálogo social para pechar os aspectos máis concretos das mesmas.

Ademais, o delegado da Xunta referiuse tamén ás axudas anunciadas pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de achegas dirixidas a microempresas do sector turístico e hostalería, coa previsión de que nunhas semanas se faga a publicación no DOG e se poidan solicitar por un sistema moi sinxelo coa documentación mínima que axilice o procedemento.

Outro dos temas que o representante do Goberno autonómico lle trasladou aos empresarios foi a nova lei de reactivación anunciada por Alberto Núñez Feijóo esta mesma semana que axilizará todos os trámites das empresas e que podería estar lista a finais deste mesmo mes. “Este texto blindará por lei a maior resposta dada pola Xunta á diminución da xestión burocrática da Administración pública autonómica”, destacou Trenor. “A Xunta converterase na administración máis áxil dos últimos 40 anos, eliminando solapamentos innecesarios, disfuncións e duplicidades entre departamentos, e facilitando a captación e execución de proxectos”. Esta nova lei contará tamén cunha serie de catálogos por sectores de actividade que recollerán todos os trámites administrativos esixibles para implantar empresas.

Finalmente, o delegado da Xunta falou que dentro plan de revitalización da actividade económica e empresarial, recóllense as condicións vantaxosas que ofrece nestes momentos a Consellería de Medio Ambiente ás empresas asentadas en Galicia para axudalas a sobrelevar economicamente a actual situación, así como dos incentivos aprobados para fomentar novas implantacións empresariais en polígonos industriais con parcelas dispoñibles.

En concreto, lembrou que desde o pasado mes de abril, tanto o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) como Xestur veñen aprazando o cobro das cotas das parcelas adxudicadas en dereito de superficie ou alugueiro co obxectivo de aliviar economicamente ás adxudicatarias mentres dure o estado de alarma.

Co mesmo fin, Trenor explicou aos empresarios as importantes medidas adicionais de flexibilización de pagos para minorar o impacto da situación sobre o sector industrial. Así, IGVS e Xestur poderán concederlles ás empresas con parcelas adxudicadas en dereito de superficie un período de carencia adicional dun ano sempre que o titular o solicite.

Así mesmo e co fin de seguir avanzando cara a unha progresiva reactivación económica e empresarial, contamos cun novo paquete de medidas para favorecer a implantación de novos proxectos e empresas en solo industrial galego.

En concreto, explicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo e Xestur ofrecen para as novas adxudicacións de parcelas en dereito de superficie ata tres anos de carencia para empezar a pagar o canon (dous máis que na actualidade) e que as empresas terán 12 anos, en lugar de 10, para manter as súas opcións de compra cun desconto do 40% das cantidades satisfeitas ata ese momento. Ademais, amplíase nestes casos dos 6 aos 8 primeiros anos a posibilidade de adquirir a parcela a prezo bonificado.

Nas operacións de compra de parcelas, do mesmo xeito, dáselle as empresas un prazo de seis meses para pagar desde a notificación da adxudicación, cando nestes momento dispoñen só dun mes. E as 239 empresas que nestes momentos teñen proxectos en fase de desenvolvemento en Galicia, terán á súa disposición prórrogas e ampliación de prazos para poder completar a súa implantación.

Imaxes relacionadas