A Xunta adxudica a redacción do proxecto de humanización da estrada PO-323, entre o cruce coa Avenida Mariña Española e o IES Leixa, no concello de Vigo

O contrato foi adxudicado por un importe superior aos 18.000 euros e ten un prazo de execución de 6 meses

Trátase dunha primeira fase de actuación neste tramo, na que se definirán medidas de calmado de tráfico e de protección dos usuarios máis vulnerables

Teranse en conta os puntos singulares nas interseccións que dan acceso a equipamentos relevantes como a ETEA ou o centro de saúde de Teis, e especial atención ao cruce coa Avenida da Marina

O proxecto busca, ademais, coordinar a súa execución co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto de humanización da PO-323, no treito comprendido entre o cruce da estrada autonómica coa Avenida Mariña Española e o IES Leixa, no concello de Vigo.

Este contrato foi adxudicado á consultora Proyfe, S.L, por un importe de máis de 18.000 euros. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses.

Trátase dunha primeira fase de humanización deste tramo da estrada no termo municipal de Vigo, e o seu obxectivo é definir medidas de calmado de tráfico e de protección dos usuarios máis vulnerables, como son os peóns, nesta vía autonómica con características moi urbanas.

No proxecto teranse en conta os puntos singulares deste tramo da estrada PO-323, fundamentalmente as interseccións que dan acceso a equipamentos moi relevantes como a ETEA ou o centro de saúde de Teis. Estudarase tamén o mellor tratamento para a seguridade viaria e a humanización destes puntos.

Ademais, prestarase especial atención á intersección coa Avenida da Marina, pola que se da acceso á ETEA e á zona de Riós. Esta Avenida presenta unha sección arborada moi característica que se interrompe uns metros antes da PO-323. Buscarase no proxecto mellorar este acceso e ennobrecelo.

O proxecto busca, ademais, coordinar a súa execución co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar na ETEA.